Jácome carga contra o persoal funcionario de Ourense: Se tan bos son, non van a traballar á NASA?

O rexedor da terceira cidade da Galiza, Gonzalo Pérez Jácome, ataca ao cadro de persoal do Concello polo atraso nas xestións. Acúsaos de facer informes que "fan o ridículo" e de "tomarlle o pelo". O líder de Democracia Ourensá fixo estas declaracións despois de que a xunta de persoal exixira o cesamento de tres directores xerais.
Pérez Jácome, á esquerda, reunido con representantes da Universidade. (Foto: Concello de Ourense)
photo_camera Pérez Jácome, á esquerda, reunido con representantes da Universidade. (Foto: Concello de Ourense)

Lonxe de asumir un papel secundario en plena resaca das leas entre o PP e o PSOE pola moción de censura para sacalo da Alcaldía que non conseguiron levar adiante, o rexedor de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome (Democracia Ourensá), acusou hoxe as e os técnicos municipais de “facer informes” que fan o “ridículo” noutras administracións.

O alcalde -que dirixe un Goberno local de tres persoas, contándoo a el- acusou ás funcionarias de ser o albo das risas polo seu traballo.

Segundo asegura intentan tomarlle “o pelo” e “non vai tolerar” tales situacións. En concreto referiuse a unha visita a Catalunya para coñecer algunhas estratexias de mobilidade na que, ao seu parecer, os documentos que levaba non estiveron á altura.

"Vou colgar un cartel que prohiba dicir non", destacou, pois afirma que é o que “máis escoita” por parte do equipo técnico do Consistorio. Dixo que só están para “pór trabas”. "

"Se a chegada do home á lúa dependese de enxeñeiros do Concello de Ourense, ao foguete aínda lle estarían sacando defectos, estarían a comprobar se o zapato do astronauta é compatíbel co chan lunar e sen un informe favorábel da zapatería o foguete non despegaría", criticou, ao tempo que deu a entender que as traballadoras son concienciudas no seu traballo.

“Se tan bos son; non van traballar á NASA?", espetou, opinando que os xefes de servizo teñen “demasiado poder”.

Ataque aos sindicatos

Porén, estas acusacións de Pérez Jácome saen tan só un día despois de que a xunta de persoal de Ourense demandara o cesamento urxente de tres directores xerais que foron nomeados polo representante de Democracia Ourensá.

A representación laboral acusounos de estar só para cobrar e axudar ao peto do rexedor, se ben este rexeita atender a demanda. “Grazas a eles moitas cousas funcionan”, dixo, fronte aos “jetas profesionais”.

"Os sindicatos teñen moito tempo libre que usan en defender privilexios de funcionarios e non os seus dereitos", lamentou.

Comentarios