Análise

Xogo de tronos na dialéctica política ourensá

Rafael Villarino, José Manuel Baltar e Gonzalo Pérez Jácome. (Fotos: Europa Press)
photo_camera Rafael Villarino, José Manuel Baltar e Gonzalo Pérez Jácome. (Fotos: Europa Press)

Ourense centra a actualidade política galega. Se a última hora da segunda feira se coñecía a decisión do Partido Popular de retornar ao Executivo local de Ourense após a súa ruptura con Gonzalo Pérez Jácome no mes de agosto, agora sábese dos movementos dos socialistas para promoveren unha moción de censura na Deputación contra José Manuel Baltar, quen goberna a institución desde o comezo da lexislatura sen maioría absoluta. Malia que a operación do secretario do PSdeG ourensán, Rafael Villarino, se fixo pública cando as súas posibilidades de éxito eran escasas, coa intención de desviar a atención informativa sobre o acordo entre o PP e Democracia Ourensá no concello, o líder dos socialistas ourensáns non desiste do seu obxectivo.

As conversas para formalizar a moción de censura na Deputación de Ourense levan cocéndose desde hai varias semanas. O paso adiante de Villarino produciuse unha vez que constatou a imposibilidade de acceder á alcaldía de Ourense, tras condicionar o Partido Popular o apoio a unha alternativa a Jácome á retirada do secretario dos socialistas ourensáns da primeira fila.

Neste momento, o máximo responsábel do PSdeG en Ourense comezou os primeiros contactos con Ciudadanos, Democracia Ourensá e Miguel Caride, un dos membros díscolos do grupo de Jácome que ocupa un escano na Deputación, excluíndo dos mesmos o BNG e, por suposto, o Partido Popular.

As negociacións entre Villarino e Ciudadanos foron ao máximo nivel. Nas mesmas participaron, ademais da antiga deputada popular e representante do partido laranxa na Deputación, Montse Lamas, a responsábel de Relacións Institucionais, María Vilas, e a coordinadora da formación na Galiza, Beatriz Pino. Segundo sinalaron fontes de Ciudadanos, Villarino ofreceu primeiramente a Lamas a vicepresidencia da institución e posteriormente a propia presidencia, após propor Baltar á deputada laranxa integrarse no seu Goberno. Unha vez que transcenderon os contactos, desde Ciudadanos cualificaron a proposta socialista como “rocambolesca” porque para prosperar “habería que contar con Democracia Ourensá, o que implicaría manter Jácome na alcaldía”.

Caride contra Baltar

Democracia Ourensá e Miguel Caride tiveron unha destacada interlocución con Villarino. Aos primeiros, o dirixente socialista ofreceulles apoio no concello e estabilidade para o Goberno local no que resta de lexislatura, porén Jácome manifestou a súa negativa a apoiar unha moción de censura que contase co voto de Caride e significase a súa incorporación ao Executivo provincial.

Pola súa banda, Caride amosou a súa disposición a colaborar con Villarino en articular unha alternativa para relevar Baltar, sendo, en palabras dos socialistas consultados, unha das persoas contactadas que observou con máis simpatía a proposta. 

As fontes consultadas dan por abortada a moción de censura. Neste sentido, lembran que a operación nunca tivo gran base para saír adiante porque implicaba xuntar posicións moi distantes e persoas moi enfrontadas. Ao tempo, sorpréndelles que Villarino excluíse das conversas o BNG, cuxa posición a prol da saída de Baltar é coñecida. Na mesma liña, afirman que o barón ourensán tivo coñecemento da mesma desde o primeiro momento e non descartan que algunhas das persoas contactadas por Villarino rematen en breve no Executivo da Deputación.
 

Comentarios