Lourenzo Fernández Prieto ingresa na Real Academia Galega reivindicando a memoria silenciada

“Recuperar aspectos agochados ou desapercibidos permítenos construír un relato máis plural e democrático do noso pasado”, salientou o catedrático de Historia Contemporánea no seu discurso de entrada na RAG.

Lourenzo Fernández Prieto accede á tribuna para dar o seu discurso de entrada na RAG (Foto: RAG).
photo_camera Lourenzo Fernández Prieto accede á tribuna para dar o seu discurso de entrada na RAG (Foto: RAG).

Lourenzo Fernández Prieto (A Devesa-Ribadeo, 1961) ingresou este sábado na Real Academia Galega (RAG) reivindicando o papel da historia e a importancia da memoria na historiografía. O catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela (USC) centrou o discurso de recepción como académico de número na relación entre historia, memoria e política no contexto da Transición democrática na Galiza a partir dunha discusión pública que tivo como protagonistas a Valentín Paz-Andrade, senador electo na reinaugurada democracia en 1977, e Camilo José Cela, senador por designación real.

O episodio rescatado, vinculado á reivindicación galeguista dun Estatuto de Autonomía que apelase ás raíces republicanas, é para o historiador un exemplo claro da “fondura do noso esquecemento colectivo, alén dese repetido mantra do pacto do esquecemento da Transición”, e de como “o relato do pasado, tamén o das vítimas, sempre está dominado polo vencedor. Máis aínda cando o vencedor foi verdugo”.

“Hai aspectos do pasado que foron agochados por outros, ou que simplemente pasaron desapercibidos, e recuperalos permítenos construír un relato máis plural e máis democrático do noso pasado”, reflexionou. A misión da historia “non é dar nin quitar razóns morais, senón contextualizar, entender no pasado e explicar, dende a distancia do presente e cos nosos valores, que é o que non queremos herdar do pasado”, “mais tamén o que queremos herdar” proseguiu o académico. Un obxectivo no que a memoria cobra relevancia “como medio para facer historia, nunca para substituíla”, matizou.

O investigador traballa desde os seus comezos no eido da historia agraria e desde 2006 desenvolve tamén unha importante liña de estudos sobre a memoria do golpe de 1936 e da represión do franquismo. “Nas últimas décadas, a historiografía aprendeu que hai moita memoria na historia e, viceversa, hai moita historia na memoria. Ambas as dúas aliméntanse se sabemos usalas”, defendeu no seu discurso de entrada na Academia.

“O caso é dar con elas, escarvar ben os xacementos —o castro— deixando os muros testemuña, comprobando a estratigrafía, e non deixarse confundir polas chapas de gasosa, que os castrexos non bebían hai dous mil anos, mais si os que, cincuenta anos antes ca nós, remexeron esa mesma terra nunha escavación mal feita”, comparou.

Lembranza de Luz Pozo Garza

Lourenzo Fernández Prieto ingresou na RAG nunha sesión extraordinaria e pública decorrida no teatro Jofre de Ferrol, a cidade onde medrou e estudou o bacharelato, organizada co apoio da Deputación da Coruña. O novo académico entrou no auditorio acompañado polas dúas académicas de máis recente incorporación, María López Sández e María Dolores Sánchez Palomino.

Nos primeiros compases da súa intervención, apelou á memoria republicana na súa lembranza de Luz Pozo Garza (1922-2020), cuxa cadeira ocupa desde este sábado e coa que comparte raíces ribadenses. O seu sucesor retratou a poeta como “unha muller doutro mundo” en plena ditadura, porque ela era muller “do mundo republicano e democrático”, e subliñou a través dela o papel feminino na recuperación da democracia. “As eleccións [de 1977] e o seu resultado, o salto adiante cara a este futuro, pasou por mulleres coma ela tanto coma pola acción política organizada da mocidade antifranquista”, recoñeceu o historiador.

A memoria persoal e colectiva: da EXB a facerse neofalante

O historiador tamén recorreu á memoria, neste caso a persoal, para trazar a historia colectiva da súa xeración: a dos nenos e das nenas que estrearon a EXB, e que se mobilizarían máis adiante a prol da democracia; e do que significaba ser, coma el, neofalante nunha viaxe na que os fillos dos que migraron do agro ás cidades semellaban destinados a perderen a lingua do país.

“Lembro que empezamos a usar o galego nas aulas en 1º de BUP (curso 1975-1976). Unha presada de nós, coa compracencia de profesores que logo serían amigos como Guillermo Llorca, Xosé Manuel Pose Mesura, Edelmiro Gil ou Luís Aneiros. En 2º (1976-1977) xa celebraramos o Día das Letras Galegas dedicado a Antón Villar Ponte. Aquela mocidade profesoral encargábase de todo e permitíanos moito. Tamén axudaba a dirección do centro, que deixaba facer. Por exemplo, organizarmos unha feira do libro galego cadrando coas Letras Galegas de 1977, na que o máis vendido foi a Control de natalidade. Métodos contraceptivos de Cipriano L. Jiménez Casas, a mellor forma de engaiolar coa lingua os adolescentes”, rememorou en referencia aos anos como estudante na escola Jorge Juan, aos que lles sucedeu o curso preuniversitario no Instituto Concepción Arenal.

O director da Sección de Historia, o académico Ramón Villares, completou na súa resposta de benvida en nome da institución o retrato do novo académico, un “intelectual comprometido coa causa da lingua e da cultura da Galiza”. Lourenzo Fernández Prieto -salientou- pertence á xeración que chegou á universidade a finais dos anos setenta e que, no canto de pescudar sobre a súa identidade individual e labrar un rápido cursus honorum, escolleu “unha laboría colectiva capaz de soerguer a cultura e a ciencia da Galiza”. “Con esta incorporación refórzase a potencia intelectual da Academia como ente colectivo e, de forma especial, o coñecemento do tecido histórico da Galiza nomeadamente nos tempos máis contemporáneos”, valorou.

O lance entre Paz-Andrade e Cela

Lourenzo Fernández Prieto artellou o seu discurso de ingreso na RAG arredor dun lance entre Paz-Andrade e Camilo José Cela que permite entender o esquecemento que existía, na Galiza de 1977, respecto da tradición republicana e da política autonomista, recoñeceu Ramón Villares. O episodio chegou ao coñecemento do novo académico a través dun cartafol no que Darío Álvarez Blázquez xuntara retallos de prensa da época que dan conta do episodio.

Entrevistado telefonicamente nas vésperas da xuntanza da Asemblea de Parlamentarios da Galiza (27 deputados e 18 senadores), o xornalista solicitoulle a Paz-Andrade, senador pola Candidatura Democrática Galega, a súa opinión en relación coa reclamación do Estatuto de Autonomía na reunión que se ía celebrar o 4 de xullo, e sobre a súa lexitimidade. Dela derivouse un comentario sobre os senadores reais no que Paz-Andrade viña a dicir que algúns contactados pola Casa Real para seren designados preferiran someterse á elección popular democrática.

Pouco despois Cela daríalle a réplica na prensa con duras descualificacións persoais e críticas ao documento que presentara ante a Asemblea de Parlamentarios da Galiza. Afirmou que o xurista e empresario pertencía á “prehistoria política da Galiza”, puña “en corentena a súa actitude de restar e non de sumar respecto á Galiza” e, no artigo máis divulgado, referíase ao político galeguista -un dos impulsores nos anos 60 do grupo Pescanova- como “Pez Paz” e “pescadeiro maior do Réxime” que desprende cheiro a “aroma de pescadilla”. Paz-Andrade manteríase en silencio mentres saían na súa defensa, tamén a través da prensa, figuras como Eduardo Blanco Amor e Isaac Díaz Pardo.

Para Lourenzo Fernández Prieto, o ataque persoal tiña un sentido claramente político: discutir a lexitimidade dunha figura, a de Paz-Andrade, que representaba a memoria da República, e das súas reivindicacións no Asemblea de Parlamentarios da Galiza.

O certo é que Valentín Paz-Andrade foi o autor do único texto presentado naquela reunión constitutiva do 4 de xullo celebrada no vello Hospital Real da praza do Obradoiro, acabado de converter en parador turístico. Na sesión discutiríase sobre a reivindicación ou non do Estatuto e sobre a lexitimidade republicana que latexaba detrás dela.

“A fractura encarreirouse e foi resolta mediante unha comisión redactora constituída in situ que reduciu e adaptou o texto de Valentín con algúns matices, o máis importante eliminar a mención á República e ao Estatuto de 1936. Unha solución case inevitábel, a falta doutro texto alternativo sobre o que se puidesen establecer transaccións, que tamén revela unha forma de proceder que caracterizou a Transición neste período: a oposición antifranquista fai propostas e o poder matiza, modifica, corrixe ou amputa”, analiza o historiador.

“O balance político de todo este episodio é que lle cortaron o paso a Valentín Paz-Andrade”, conclúe. “Na súa proposta, mais tamén na súa lexitimidade galeguista, republicana e antifranquista e na recentemente adquirida como representante da Galiza na Comisión dos Nove que negociara co Goberno de Adolfo Suárez a saída democrática despois do Referendo de Reforma Política de decembro de 1976. Quen sabe se lle cortaron tamén a aspiración que moitos abeiraban de que fose presidente do primeiro organismo provisorio da Autonomía da Galiza que se estaba a fraguar neses días como Xunta preautonómica”, suxiriu.

Perfil académico

Lourenzo Fernández Prieto estudou Historia na USC, institución na que se licenciou (1984) e doutorou (1990) con premio extraordinario. Profesor titular desde 1993 e catedrático desde 2005 na mesma facultade, na actualidade é coordinador do Centro de Investigación Singular de Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), que agrupa equipos de investigación das tres universidades galegas nos eidos da historia, a xeografía, historia da arte, economía, enxeñaría, socioloxía, ciencia política e medio ambiente.

O novo académico investiga desde os comezos no eido da historia agraria, unha liña á que sumou tamén con éxito, na primeira década deste século, outra centrada na represión franquista no golpe e no franquismo. Na primeira destaca pola perspectiva innovadora que aplicou no estudo das sociedades rurais e do cambio tecnolóxico agrario, que se ocupa das relacións entre a agricultura e a ciencia agronómica e, de forma complementaria, da análise da historia do mundo agrario e da sociedade rural cun enfoque ambientalista.

Os primeiros traballos de Fernández Prieto centráronse na renovación técnica das labranzas, profundando no rico fondo documental da granxa de Mabegondo, previamente situada en Monelos (A Coruña). Aquela pescuda deu lugar ao seu primeiro libro, A granxa agrícola-experimental da Coruña, 1888-1928 (1988), que tería continuidade e ampliación na tese de doutoramento, publicada como Labregos con ciencia. Estado, sociedade e innovación tecnolóxica na agricultura galega, 1850-1939 (1992). Posteriormente chegarían moitos outros traballos cos que contribuíu, en palabras de Ramón Villares, a repensar, na Galiza e fóra dela, o papel da agricultura nas sociedades contemporáneas.

En 2006 iniciou unha nova liña de traballo centrada no golpe de 1936, a represión e a ditadura de Franco que afonda na memoria das persecucións, das vítimas e dos vitimarios. A través do proxecto interuniversitario Nomes e Voces, abriu unha serie de estudos que son unha referencia no campo da historiografía galega e internacional do século XX.

Ao longo da súa carreira foi investigador principal de máis de vinte proxectos de investigación competitivos e outros tantos convenios relacionados cos seus campos de investigación. A relación con grupos e centros de investigación de institucións galegas, estatais, europeas e americanas é outra constante do labor de Lourenzo Fernández Prieto, membro de redes internacionais e profesor convidado das universidades de Princeton (Oates Fellow, Council of Humanities), Cidade de Nova York (Graduate Center) ou Cork (Department of Geography).

Como xestor académico, foi vicerreitor da USC entre 2006 e 2009, director do Departamento de Historia Contemporánea en dúas ocasións e coordinador do grupo de investigación de referencia competitiva Histagra, dirixiu tamén a Cátedra universitaria Juana de Vega de Estudos Agrarios, e é vicepresidente da Sociedad de Estudios de Historia Agraria (SEHA).

Como divulgador é ademais autor, entre outros moitos traballos, do estudo introdutorio do Diario da guerra de Francisco Fernández del Riego, editado este mesmo ano co gallo do Día das Letras Galegas dedicado ao intelectual de Lourenzá.

Comentarios