A RAG recibe a Lourenzo Fernández Prieto como académico de número

A sesión pública de ingreso na institución terá lugar no teatro Jofre de Ferrol, o sábado 3 de xuño, a partir das 12 horas.

Lourenzo Fernández Prieto.
photo_camera Lourenzo Fernández Prieto.

Lourenzo Fernández Prieto (A Devesa-Ribadeo, 1961) ingresará o sábado 3 de xuño na Real Academia Galega como membro de número. A sesión extraordinaria pública terá lugar no teatro Jofre de Ferrol, a cidade onde medrou, a partir das 12 horas.

O catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela dará lectura ao discurso titulado A memoria, a historia e a política. A esquecida polémica Cela versus Paz-Andrade sobre a lexitimidade democrática, a memoria republicana e a Autonomía de Galicia en xullo de 1977, ao que lle dará resposta en nome da institución o coordinador da Sección de Historia, Ramón Villares. Lourenzo Fernández Prieto ocupará a vacante producida no ano 2020 polo pasamento da poeta Luz Pozo Garza. 

Dúas grandes liñas de investigación 

Lourenzo Fernández Prieto centra a súa investigación en dúas grandes liñas: a historia agraria contemporánea e o estudo da guerra civil e do franquismo. Na primeira destaca pola perspectiva innovadora que aplicou no estudo das sociedades rurais e do cambio tecnolóxico agrario, que se ocupa das relacións entre a agricultura e a ciencia agronómica e, de forma complementaria, da análise da historia do mundo agrario e a sociedade rural cun enfoque ambientalista. É coordinador do Grupo de historia agraria e política do mundo rural Histagra, e dirixiu a Cátedra universitaria Juana de Vega de Estudos Agrarios. 

En 2006 iniciou unha nova liña de traballo centrada no golpe de 1936, a guerra e a ditadura de Franco que afonda na memoria das persecucións, das vítimas e dos vitimarios. A través do proxecto interuniversitario Nomes e Voces, abriu unha serie de estudos que son unha referencia no campo da historiografía do século XX.

A relación con grupos e centros de investigación de institucións españolas, europeas e americanas é outra constante do labor de Fernández Prieto, membro de redes internacionais e profesor convidado das universidades de Princeton (Oates Fellow, Council of Humanities), Cidade de Nova York (Graduate Center) ou Cork (Department of Geography). 

O académico electo  é ademais vicepresidente da Sociedad de Estudios de Historia Agraria (SEHA) e foi director do Departamento de Historia Contemporánea da USC. Como divulgador é, ademais, autor, entre outros traballos, do estudo introdutorio do Diario da guerra de Francisco Fernández del Riego, editado este mesmo ano e colabora habitualmente en prensa. 

Comentarios