Un informe da USC cifra en sesenta as foxas que aínda non se exhumaron

Seguen as exhumacións na Galiza. Esta segunda feira un equipo da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) reanudou os traballos na procura da foxa de Ortoño, Ames, con resultado negativo. Ao redor de sesenta foxas están sen traballar, segundo un informe da USC realizado por un grupo interdisciplinar coordinado polo catedrático Lourenzo Fernández Prieto. 
Traballos realizados en Ortoño para localizar os corpos de seis represaliados de Boimorto (Foto: Nós Diario).
photo_camera Traballos realizados en Ortoño para localizar os corpos de seis represaliados de Boimorto (Foto: Nós Diario).

Na Galiza hai documentadas 461 foxas comúns froito da represión franquista, segundo os datos que manexa o Ministerio de Presidencia e Memoria Democrática, das que só houbo intervencións en 27.

Para Gustavo Hervella, membro do grupo de Historia Agraria e Política do Mundo Rural (Histagra) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), ese número sería moito menor, de ao redor de 60 foxas, ao deixar fóra aqueles enterramentos regulares como o do propio de Alexandre Bóveda en Pontevedra “que tamén contan neses datos do Ministerio”.  

A cifra que facilita este investigador a Nós Diario formará parte do Plan de memoria democrática e figura dentro do Mapa de Foxas que se publicará en setembro deste mesmo ano dentro da páxina web do proxecto "Nomes e Voces". Hervelle sinala as dificultades que existen para realizar exhumacións en foxas que xa non existen “como a do cemiterio de Lugo, agora que hai alí un hotel”. 

É un caso común, afirma, “o de cemiterios do rural que se trasladaron”. Exemplifícao tamén co “caso da de Canido, en Ferrol, que tamén desapareceu e agora é un barrio da cidade”. O proxecto de catalogación, estudo e apertura de foxas está coordinado polo catedrático de historia contemporánea da USC Lourenzo Fernández Prieto e conta co arqueólogo José Carlos Sánchez Pardo, o forense do Imelga, Fernando Serrulla e o xenetista e catedrático de Medicina Legal Anxo Carracedo

"En todo caso partimos de que hai máis foxas das que agora temos información, faltará ver que resultados dá o estudo dalgunhas grandes foxas como as de Ferrolterra", conclúe. 

A foxa común de Ortoño

Precisamente, voltaron a Ortoño (Ames), os traballos de exhumación en busca dos corpos de seis veciños de Boimorto asasinados por falanxistas  após o golpe de Estado de 1936. Onte, a primeira hora da mañá, especialistas da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) abriron a que, segundo algunhas testemuñas, podía ser a foxa que gardaba estes corpos.

A historia de recuperación da memoria neste caso comezou en 2007, no Amenal (O Pino), partindo de varias testemuñas que sinalaban o lugar onde podían atoparse outros asasinados que formaban parte dun grupo. 

“É unha débeda que temos que cumprir”, apunta Xosé Luís Rivas ‘Mini’, deputado do BNG e veciño de Boimorto, implicado na busca dos restos. Ten gravado a lume o relato dunha matanza feita a conciencia e que conta con varios capítulos escuros. 

“De Boimorto sacaron doce homes, a seis trouxéronos até Santiago e non quedaron alí por estaren os cárceres cheos. Foron até o límite da parroquia de Roxos con Ortoño e alí mesmo os mataron, deixando outros seis para acabar con eles no Amenal”, explica, en conversa con Nós Diario.  

Contan coa información de que foran enterrados no cemiterio, mais a dificultade para atopalos está no traslado do cemiterio. Ao fechamento desta edición, desde Ortoño, notificaban que non deron cos restos dos veciños de Boimorto Manuel Espiñeira, Ramón Enjamio, Juan Martínez, José Tojo, José Barreiro e Antonio Felpete.

'Nomes e Voces' participará en novas exhumacións

Este ano o proxecto 'Nomes e Voces' ten previsto participar en tres exhumacións. Por petición de familiares actuarán na parroquia de Vilacoba (Lousame) e no municipio da Capela. A terceira, "moi importante" para Hervella, será outra situada no cemiterio de Celanova.

Ademais, farán o estudo histórico da foxa de Serantes, en Ferrol, ao considerala este investigador "fundamental para o estudo da violencia na Galiza".

Comentarios