A guerra e a represión vistas por Francisco Fernández del Riego

Entre as publicacións anunciadas para celebrar o Día das Letras dedicado a Fernández del Riego está un Diario da guerra que permaneceu inédito até agora. O historiador Lourenzo Fernández Prieto, autor do limiar que acompaña o texto, explica as claves para interpretar este texto.
Francisco Fernández del Riego
photo_camera Francisco Fernández del Riego

A obra publicada de Francisco Fernández del Riego, a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas de 2023, é absolutamente monumental: ensaio, traducións, edicións, escolmas, escritos memorialísticos, novelas... E iso sen contar un colosal número de colaboracións xornalísticas e un impresionante epistolario coas principais figuras da cultura do seu tempo. Por iso sorprende o anuncio da próxima publicación, por parte de Galaxia, de dous inéditos. Un deles é un Diario da guerra que, se cadra, esperta aínda máis a curiosidade polo tema que trata.  

"O interesante aquí é que nos fagamos esa pregunta: por que non se publicou un diario do tempo da guerra dun persoeiro tan eminente da cultura galega?", explica Lourenzo Fernández Prieto, Catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela e encargado de prologar o libro. "E hai moitas razóns, pero dúas especialmente relevantes: unha, que aquel tempo foi demasiado abominábel, e dúas, que quen manexou a memoria do que sucedera con aqueles soldados son os verdugos, os perpetradores da matanza. A memoria deles mesmos é, aínda hoxe, subalterna".  

Fernández Prieto, que dirixiu o Proxecto Interuniversitario “Nomes e Voces”, dedicado á investigación da represión franquista na Galiza, sostén que "todos os que sabían escribir en 1936, escribiron sobre o que estaba pasando. Foi de tal envergadura, que só hoxe nos estamos a decatar da magnitude do que ocorreu. Aquilo foi o que pasou nos tempos do fascismo de entreguerras, só que aquí sucedeu antes. Os propios alemáns estaban sorprendidos pola brutalidade da represión". 

 

Contexto europeo 

A recuperación desa memoria, interpretada nun contexto europeo, explica que a lembranza do fascismo tardase tanto en entrar na conciencia colectiva. "A brutalidade foi excesiva e había que dixerila a modo. Aquí, os tempos se dilatan aínda máis polos corenta anos de silencio imposto pola ditadura. Aínda non logramos que o imaxinario popular asuma que a chamada Guerra Civil española foi parte dunha guerra mundial do fascismo contra a democracia". 

A lectura do Diario de Del Riego si permite albiscar ese contexto europeo. "Se el che di que anda por Teruel e todos os letreiros están en italiano; ou que chegan á fronte en Alcañiz e a casa máis luxosa está tomada polo Alto Mando alemán; se conta que os avións que ve pasar son alemáns e italianos, xa te decatas de que iso non é unha guerra española, e moito menos civil", adianta o historiador. "Estamos falando dun tempo en que os propios soldados do "bando nacional" van de vivac cantando o Himno Galego. Non se cambia a mentalidade dun pobo dun día para outro, e aquí non se votou a favor de franco nin da Falanxe, que non contaba con deputados. Aquí acababa de votarse en referendum un Estatuto de Autonomía".

 

Salvar a vida 

"En realidade, cando me dixeron que existía este diario, pensei que non habería nada de interese", confesa Fernández Prieto. "Crin que era imposíbel que unha persoa tan vixiada polo réxime puidese escribir un texto que aínda o comprometese máis. Pero atopei un libro á altura do mellor do autor". 

Del Riego foi un dos dous únicos membros do Comité de Defensa da República que se organiza no Concello de Santiago -el como representante do Partido Galeguista- que non foi fusilado. Permaneceu agochado até que chamaron a filas aos excedentes de cupo da súa quinta -el librara de facer o servizo militar pola acusada miopía que padecía. Nese momento, a familia que o agochaba convenceuno de que o mellor era que se incorporase ás tropas para que non o prendesen, un sistema que empregaron moitos. 

"Nese momento el xa pasou por interrogatorios, xa sabe que está vixiado, xa escoitou as leiteiras comentar os cadáveres atopados cada mañá... e sabe que está vivindo de prestado. Entón a súa mirada é moi consciente e moi prudente, mais entre liñas deixa ver o que está sucedendo. O que ocorre é que non estamos afeitos a ler ese tipo de mensaxes. Sabía perfectamente que estaba salvando a vida e, aínda así, levou a cabo actos que hoxe chamariamos de heroísmo. Malia o terror que se impuña, el sabía que se tiña medo, sería peor", remata. 

Comentarios