A liña do tempo artística e vivencial de Laxeiro protagonizan a súa homenaxe

Carballo-Calero realizou unha lección maxistral sobre o pintor en Lalín. O acto comezou cunhas palabras do presidente da institución, Manuel Quintana Martelo.
Manuel Quintana Martelo na homenaxe a Laxeiro en Lalín.(Foto: Ragba).
photo_camera Manuel Quintana Martelo na homenaxe a Laxeiro en Lalín.(Foto: Ragba).

A Real Academia Galega de Belas Artes (Ragba) conmemorou nesta sexta feira de maneira solemne o 'Día das Artes Galegas 2022' en Lalín, cun encontro institucional en lembranza do pintor José Otero Abeledo, coñecido como Laxeiro. O Auditorio Municipal da localidade foi o lugar escollido para homenaxear o artista, non moi lonxe da súa casa natal da parroquia de Donramiro. 

O acto comezou cunhas palabras do presidente da institución, Manuel Quintana Martelo, que narrou a infancia e os inicios do pintor. "Laxeiro nunca abandonou a súa historia e foi quen de levar todo ese mundo fantasioso á súa pintura sen caer nos tópicos do folclore", sinalou o responsábel da Ragba. 

'Bebendo os soños'

A intervención central do acto tivo lugar coa lección maxistral sobre a pintura de Laxeiro que realizou a académica numeraria da Sección de Expertas nas Artes da Ragba, María Victoria Carballo-Calero Ramos.

Baixo o título Beber nos soños dos séculos, sacado dun texto do propio artista extraído dunha carta dirixida ao director dun xornal na que trataba a elaboración dunha posíbel biografía do pintor Lino M. Villafínez, Carballo-Calero foi deseñando a liña progresiva da pintura do homenaxeado. 

No seu discurso resaltou a bolsa concedida polo Concello de Lalín en 1931 para estudar en Madrid, que lle posibilitou o contacto con intelectuais galeguistas naquela etapa republicana, a exposición de 1934 na Facultade de Filosofía e Letras de Santiago, o traslado a Pontevedra en 1940, ou o estabelecemento en Vigo en 1942. Para ela, son fitos que explican obras cruciais, como o mural O manantial da vida do Café Moderno de Pontevedra ou cadros como Trasmundo, dos anos 40. 

A conferenciante pasou logo a considerar esencial a viaxe a Arxentina en 1951, invitado por Luís Seoane con motivo dunha exposición de artistas galegos. Alí, explicou que a súa linguaxe "bifurcouse" entre o tradicional e a experimentación.

Descobre a Picasso e transita cara a unha "neofiguración". Cando retorna á Galiza no comezo dos 70, chega cargado de experiencia cunha pintura da que ten desaparecido, practicamente, a narratividade dando paso a "unha pintura de síntese que, segundo as explicacións de María Victoria Carballo-Calero, desembocara na abstracción".

Rematou a lección coa reivindicación da súa figura por parte do Grupo Atlántica nos 80 e os últimos anos dun pintor "máis difícil de asimilar pola falta de anécdota, pero mais lírica, se cabe", segundo a académica. 

Comentarios