O universo de Laxeiro en América pode visitarse até o 5 de xuño en Lalín

Inaugurouse esta cuarta feira a mostra conmemorativa en homenaxe ao pintor Museo Ramón María Aller da capital do Deza. A mostra consta de 30 pezas procedentes de coleccionistas privados e varias institucións
Vista da exposición sobre Laxeiro en Lalín (Foto: Nós Diario).
photo_camera Vista da exposición sobre Laxeiro en Lalín (Foto: Nós Diario).

A mostra conmemorativa do Ano Laxeiro comezou esta cuarta feira a súa andaina en Lalín, a vila natal do pintor. O Museo Ramón María Aller da capital do Deza acollerá até o 5 de xuño a exposición Foi un home. Laxeiro en América (Bos Aires, 1950-1970), ideada após a decisión da Real Academia Galega de Belas Artes de dedicarlle ao artista o Día das Artes deste 2022. 

Na inauguración, ademais de autoridades da Xunta e locais, participaron o comisario da exposición, Carlos L. Bernárdez e o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo. O tamén pintor lalinense, Antón Lamazares, presentou no acto unha peza conmemorativa desta exposición titulada 2022!... LAXEIRO!, obra realizada para celebrar, segundo o artista, a "figura máxima da pintura e a alma da Galiza". 

A seguinte estadía da exposición, tras permanecer en Lalín, será na Real Academia de Belas Artes de San Fernando, en Madrid, do 22 de xuño ao 24 de xullo. De volta na Galiza, a mostra poderá verse no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura en Compostela do 29 de setembro ao 18 de decembro. O último lugar que visitará, xa no 2023, será París. Na capital francesa estará do 19 de xaneiro ao 26 de febreiro nas instalacións do Instituto Cervantes

A etapa americana do pintor lalinense

A mostra sobre Laxeiro consta de 30 pezas procedentes de coleccionistas privados e varias institucións. Teñen en común que se realizaron entre 1950 e 1970, período en que o pintor  se instalou en Bos Aires. Para Carlos L. Bernárdez foi "a súa etapa de madurez cunha notábel evolución formal na súa pintura, condicionada polo contacto cun mundo cosmopolita e co ambiente intelectual galego da capital arxentina". 

Algunhas das obras máis destacadas e representativas desa época de maior agresividade na pincelada do artista son Foi un home (1963), Xefe Azteca (1964) ou Retrato (1960-1970).

Ademais, a retrospectiva complétase con pinturas de autores como Luis Seoane, Carlos Maside, Manuel Prego de Oliver, Manuel Pesqueira, Antonio Faílde ou Julia Minguillón, recreando simbolicamente a exposición de Bos Aires de 1951 que motivou a marcha de Laxeiro a América.

Así, exhíbense as obras Ruínas da guerra  (1949) de Luis Seoane (a modo de representación como organizador desa exposición, aínda que el non participou con ningunha pintura) ou La Tyla y yo (1943) de Julia Minguillón.

Comentarios