A Academia reivindica o Día das Artes homenaxeando a traxectoria de Laxeiro

A figura do pintor de Lalín, José Otero Abeledo, Laxeiro, centrou o acto que realizou a Real Academia Galega de Belas Artes na Coruña. No mesmo inaugurouse unha exposición, obra de Xurxo Lobato, que percorrará todo o país. 
Acto do Día das Artes na sede da Academia, onte na Coruña. (Foto: Ragba)
photo_camera Acto do Día das Artes na sede da Academia, onte na Coruña. (Foto: Ragba)

José Otero Abeledo, coñecido como Laxeiro, foi hoxe o protagonista do Día das Artes Galegas nunha concorrida homenaxe que lle rendeu a Real Academia Galega de Belas Artes (Ragba) nun acto institucional na súa sede.

En presenza de representantes públicos de varias administracións o presidente da institución, Manuel Quintana Martelo, realizou un esbozo biográfico do pintor do Deza e afirmou, en relación á súa obra, "que ten a capacidade de afondar nas fontes inspiradoras, nos alicerces da cultura galega, tomando como unha das súas referencias a obra do Mestre Mateo no Pórtico da Gloria do quen sabemos foi un decidido admirador". 

Ademais diso, salientou que o artista de Lalín tivo en conta elementos relacionados "coas fontes tradicionais dos arquetipos do rural galego, pero cheo dunha fantasía e fabulación moi achegado a súa recorrida fantasía da familia da Romea que, en moitos momentos, ou sempre, vai dar forma a súa obra cun significado cualificativo persoal sen esquecer a posta en escena de contemporaneidade".

Neste punto, o presidente agradeceu a colaboración de diferentes organismos para dar forma ao ano de Laxeiro e insistiu en que a Academia que preside "vai estar sempre presente nos lugares que o requiran" porque "a cultura, tantas veces maltratada ou esquecida, é o pouso que deixan os pobos para a súa historia". 

Exposición fotográfica

No mesmo acto inaugurouse a mostra fotográfica 'Acción Laxeiro', comisariada polo fotógrafo e académico numerario da sección de Artes da Imaxe,  Xurxo Lobato. Esta mostra está baseada na obra Aparición, cadro de gran formato creado en vivo por Laxeiro o 28 de abril 1987 na Galería Trinta de Compostela. O propio fotógrafo explicou as dúas ocasións máis intensas co pintor.

A primeira coincidiu coa experiencia de crear unha obra en directa, o que hoxe chamaríamos action painting, na citada galería compostelá en 1987, e a segunda con motivo dunha reportaxe gráfica na súa casa en 1993. Cítame no seu piso de Urzaiz en Vigo, e alí retrato o proceso creativo de Laxeiro pintando unha escaleira. Ao remate, para celebralo, púxose a tocar a pandeireta e máis a frauta da ledicia que tiña. Laxeiro en estado puro”, rememorou Lobato.

A exposición viaxará despois pola Galiza para visitar o Centro Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense, o Vello Cárcere do Concello de Lugo e o Museo Municipal Ramón María Aller Ulloa en Lalín.

Comentarios