Laxeiro contará cun acto solemne en Lalín para conmemorar o 'Día das Artes Galegas'

María Victoria Carballo-Calero Ramos dará a lección maxistral 'Beber nos soños dos séculos' esta sexta feira no Auditorio Municipal da capital do Deza ás 18 horas.
María Victoria Carballo-Calero na entrega do Premio Trasalba (Foto: Estevoaei).
photo_camera María Victoria Carballo-Calero na entrega do Premio Trasalba (Foto: Estevoaei).

A Real Academia Galega de Belas Artes (Ragba) levará esta sexta feira a conmemoración do Día das Artes Galegas até Lalín, cun acto institucional en lembranza do pintor José Otero Abeledo, máis coñecido como Laxeiro, persoeiro homenaxeado neste 2022 pola Academia. Dous días despois de quedar inaugurada a exposición sobre a etapa americana do pintor lalinense no Museo Ramón María Aller, a capital do Deza acollerá a lección maxistral sobre a súa obra a cargo da  académica numeraria da Sección de Expertas e Expertos nas Artes desta institución, a historiadora e investigadora María Victoria Carballo-Calero. 

O evento comezará ás 18 horas e terá como escenario o Auditorio Municipal de Lalín. No acto, ademais da asistencia do presidente da Ragba, Manuel Quintana Martelo, está confirmada a presenza de responsábeis da Xunta, do Goberno municipal  ademais doutras autoridades, académicas e académicos. 

María Victoria Carballo-Calero Ramos explicará a vida e obra de Laxeiro cunha disertación que levará o nome de 'Beber nos soños dos séculos'. Finalmente,  o evento rematará coa actuación da Banda Municipal de Música de Lalín que interpretará a peza Pintor Laxeiro, composta para a ocasión polo músico ponteareán José Luis Represas que estará presente no acto. 

Homenaxe a un artista decisivo 

A Ragba determinou dedicar o Día das Artes Galegas 2022 a Laxeiro (Lalín, 1908 -Vigo, 1996), un ano para afondar e espallar esta figura que, segundo sinala esta institución nun comunicado, "foi decisiva para o desenvolvemento e difusión da arte galega no século XX" e "cuxa obra moderna e renovadora estivo sempre comprometida coa realidade do contexto sociocultural do seu tempo".

Todos os actos previstos, tamén este de hoxe en Lalín, están anunciados por un cartel conmemorativo do Día das Artes Galegas. A obra foi deseñada este ano por Menchu Lamas, académica numeraria da Sección de Pintura e Gravado da Ragba, que se inspirou para realizalo nun debuxo do propio Laxeiro

Este é o segundo acto do Día das Artes Galegas 2022 organizado pola Ragba despois do realizado a pasada semana na sede da Academia na Coruña coa inauguración de mostra 'Acción Laxeiro' a cargo do tamén académico e fotógrafo coruñés Xurxo Lobato. Ao longo de todo este ano terán lugar diferentes iniciativas entre as que cabe destacar exposicións, simposios ou publicacións ao redor do pintor de Lalín. 

Comentarios