A memoria de Laxeiro, da man de Javier Buján, no 'Sermos Galiza' deste sábado

Aliás, analizamos o legado no país da familia Baltar.
Reportaxe para o 'Sermos Galiza' sobre a exposición 'Deber de Baltar'. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Reportaxe para o 'Sermos Galiza' sobre a exposición 'Deber de Baltar'. (Foto: Nós Diario)

Este sábado, como cada semana, atoparás nos quiosques, xunto ao teu exemplar do Nós Diario, o suplemento semanal Sermos Galiza, no que Manuel Xestoso entrevista Javier Buján, que leva vinte anos á fronte da Fundación Laxeiro, con motivo do Día das Artes Galegas de 2022 que homenaxea o artista.

"Laxeiro tiña un don de xentes que axiña o converteu nun creador moi coñecido, moito máis que outros da súa xeración que non son peores artistas", explica Buján durante a conversa, na que detalla aspectos moi interesantes da vida e obra de Laxeiro, e explica como foi o traballo de difusión da súa figura para romper coa "imaxe distorsionada" que existía del.

O novo número do Sermos abre cunha reportaxe de Montse González sobre a exposición Deber de Baltar, comisionada polo deseñador Pepe Barro no Colexio de Fonseca de Santiago de Compostela, e na que "pode seguirse o periplo durante un século de historia de Galicia desta saga coa que, di Barro, pode pintarse un fresco no que enseguida aparecen unha morea de persoeiros da política e da cultura do país".

Por outra banda, Tensi Xesteira achéganos un novo éxito da literatura infantil e xuvenil galega, coa inclusión na Lista da Honra IBBY 2022, un catálogo das mellores obras do mundo neste eido, dos títulos O bestiario científico de Anxos Nogueirosa (Urco), de Antonio M. Fraga, Unha noite no tren da Vía Láctea (Aira), de Kenzi Miyazawa, na tradución de Gabriel Álvarez, e as ilustracións de Miguel Robledo.

Música, arte e lecer

O apartado musical corre a conta de Herminio González, que tran as últimas novidades, e Jasper, cun artigo titulado 'Só a memoria nos volve eternos'.

Como vén sendo habitual, o experto en cinema Andrés Castro analiza os filmes máis destacados, a comezar por Código Emperador, de Jorge Coira, mentres Carlos Bernárdez ofrécenos unha visión da mostra Laxeiro descoñecido I. Obras inéditas de primeira época.

Noutra orde, Mario Regueira debulla o libro Florencio Delgado Gurriarán. Vida e obra dun poeta no exilio mexicano, de Miro Villar, mentres Manuel López Foxo analiza María Casares, de Arantxa Estévez. Aliás, o colectivo Xea dá novamente unha visión da riqueza da costa de Malpica de Bergantiños.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

Lembra que podes atopar o Sermos Galiza este sábado acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por tres euros!

Comentarios