Jorge Coira recibirá a vindeira semana o Pedigree de Honra do Festival de Cans

O cine liberado de pretenciosidade

Jorge Coira recibe o Pedigree de Honra do Festival de Cans, un certame co que di sentirse identificado polo que ten de auténtico, de vínculo coa terra e de falta de soberbia. Coira, que tocou todos os xéneros, presentará en Cans un documental sobre Xosé Manuel Beiras e as primeiras imaxes do seu próximo filme: Proxecto Emperador. 
Jorge Coira.
photo_camera Jorge Coira recibindo o Premio Goya á mellor montaxe por 'El desconocido'. (Foto: Festival de Cans)

Leva décadas aí. Con curtas como O matachín ou A ti como se che di adeus? Con longametraxes como 18 comidas ou Eroski Paraíso. Con series como As leis de Celavella, Padre Casares ou Hierro. Jorge Coira nunca deixou de teimar en facer cinema e en mudarlle a cara á industria do audiovisual galego. Agora, o Festival de Cans recoñece o traballo realizado nestes anos concedéndolle o Pedigree de Honra

"Eu teño unha relación moi estreita con Cans -explica Coira en conversa con Nós Diario-, sen dúbida, é o festival ao que máis veces fun na miña vida. É tan auténtico e tan especial que me provoca unha grande emoción ser premiado alí. Porque ademais conecta moito coa miña forma de entender o cine: tomar moi en serio a súa capacidade de contar historias, de emocionar e de provocar reflexión, mais ao tempo sen renunciar a unha certa visión lúdica da vida, conectada coa terra e renunciando a toda pretenciosidade. Ás veces poñémonos moi pomposos con todo isto das alfombras vermellas e parece que nos tomamos moi en serio a nós mesmos. Mais no fondo, só contamos historias para conectar co público, para reflexionar xuntos".  

A carreira de Coira non deixa ningún xénero sen tocar, o que parece indicar que considera que calquera forma de audiovisual é unha proxección do cinema. "Si, en certa maneira, todo é cine. A cinematografía é a escrita a través de imaxes en movemento e, a partir de aí, o que hai son diferentes xéneros que se adecúan máis o menos ao que queres contar. Que se trate dunha obra de hora e media ou dunha serie de 30 episodios non cambia a esencia. As diferenzas están máis nos presupostos artísticos e, nun aspecto máis práctico, en que medios tes a túa disposición para contar o que queres".

"Estes días déronme a noticia de que Hierro se estreou en HBO nos Estados Unidos. Hai anos iso sería case unha utopía"

As transformacións da industria galega do cinema 

Nese sentido, Coira foi protagonista dos cambios que sufriu a industria audiovisual do país. Agora, no mundo da televisión, é recoñecido, sobre todo, por Padre Casares ou por Hierro, mais As leis de Celavella xa supuxera un gran paso adiante na produción galega. "Eu desfrutei moitísmo facendo aquela serie", lembra.  "Era un momento en que a produción da Galiza estaba medrando e eu tiña a sensación constante de que estabamos facendo algo importante. Era unha proposta moi arriscada nun momento en que non había series de época. Segue parecéndome dunha madurez tremenda, se temos en conta os poucos medios cos que contabamos". 

Esa madureza do audiovisual galego medrou expoñencialmente desde que Coira comezou, e non deixa de mostrar satisfacción polos logros conseguidos. "Aínda queda moito por mellorar", di, " somos un país pequeno e a industria segue sendo feble en moitos aspectos, pero o salto en calidade que se deu nos últimos anos é espectacular. Estes días déronme a noticia de que Hierro se estreou en HBO nos Estados Unidos. Hai anos iso sería case unha utopía". 

Tamén a variedade da nosa industria é motivo de gozo: "Hai moitas liñas de traballo que están funcionando moi ben, desde o cine de autor até as series comerciais, e é unha gozada poder ver isto".

"A figura de Beiras esperta verdadeiras paixóns: para ben e para mal. Nós quixemos facer un retrato da súa personalidade e da súa traxectoria mostrándoo dun xeito moi transparente, para que despois cada quen o xulgue como queira"

Beiras e Tosar no horizonte 

O día da entrega do Pedigree de Honra estrearase Beiras, vivir dúas veces, un documental sobre Xosé Manuel Beiras que non deixa de ser unha rareza na súa filmografía. "A idea partiu dun amigo común que nos falou da posibilidade de contar con Beiras para facer unha película sobre a súa figura. A nós [a película asínana tamén o seu irmán Pepe e Gaspar Broullón] interesounos desde o principio non tanto facer algo sobre el como facer algo con el. Un filme no que se poida ver a súa forma de ver a vida. Creo que foi un privilexio: Beiras é un personaxe importantísimo na vida política da Galiza das últimas décadas e, ademais, mantén un contacto moi próximo co mundo cultural, o que lle dá un maior interese. A súa figura esperta verdadeiras paixóns: para ben e para mal. Nós quixemos facer un retrato da súa personalidade e da súa traxectoria mostrándoo dun xeito moi transparente, para que despois cada quen o xulgue como queira". 

Ademais, ese mesmo día, poderán verse as primeiras imaxes da longametraxe que acaba de rodar, Proxecto Emperador, e na que volve traballar co seu vello amigo Luís Tosar. "É un thriller de espionaxe na que se fala da realidade dese mundo: non se trata de superheroes senón de persoas con conflitos reais. Quixen tratar ese universo que ten a ver co manexo da información e das influencias políticas que, ademais de ser moi actual, é moi complexo, porque nel aparece o máis escuro da sociedade, pero tamén posúe o antídoto contra a súa parte sombría, contra o crime organizado por exemplo. Fúndense aí elementos moi extremos que permiten que as emocións se mesturen dunha forma moi novelesca". 

Comentarios