Até catro premios Goya van para a Galiza

O audiovisual galego faise con catro premios Goya: mellor película animada, Valentina, mellor corto de animación, The Monkey, mellor actor revelación, Chechu Salgado, e mellor banda sonora orixinal, Zeltia Montes.

Chechu Salgado posa co premio Goya ao final da gala. (Foto: Javier Ramírez / Europa Press)
photo_camera Chechu Salgado posa co premio Goya ao final da gala. (Foto: Javier Ramírez / Europa Press)

A 36ª edición dos premios Goya decorrida en València (País Valencià), adicados ao recoñecemento das mellores producións de cine do Estado, deixaron até catro galardóns que premian o bo facer do sector audiovisual galego.

Como mellor película animada foi elixida Valentina, dirixida por Chelo Loureiro, mentres que The Monkey foi aclamado como mellor corto de animación, coa codirección de Xosé Zapata e coprodución portuguesa.

No que atinxe aos outros dous premios outorgados a galegas e galegos, o trofeo esculpido coa cara do pintor Francisco de Goya a mellor actor revelación, pola súa participación en Las Leyes de la Frontera, recolleuno Chechu Salgado, ao tempo que Zeltia Montes facíase co galardón de mellor banda sonora orixinal polo seu traballo en El buen patrón.

Precisamente esta última película foi a gran triunfadora da noite, con seis Goya, entre eles, mellor filme, guión e dirección, que recolleu Fernando León de Aranoa, así como mellor actor protagonista, Javier Bardem.

Chelo Loureiro (Ferrol, 1958) gabouse do seu equipo e salientou ao gran número de profesionais que hai tras as cámaras, aproveitando a tribuna para reclamar á sociedade que loite para acadar a “inclusión plena” das persoas con diversidade funcional.

As e os 14 veciños da parroquia de San Pedro de Viñós, en Arzúa, e a súa familia en Carral foron o primeiro que mencionou na súa intervención Xosé Zapata (A Coruña, 1975). Asemade das persoas do seu equipo, chamou a recuperar o espírito das vellas producións de animación.

O mellor actor revelación, Chechu Salgado (Sober, 1991), que comezou a súa carreira na Televisión da Galiza, puxo en valor ao equipo do filme e dedicou o premio “aos meus pais, aos meus irmáns e á miña sobriña Mara, que son o que máis quero no mundo”.

Pola súa parte, Zeltia Montes (O Saviñao, 1979),  agradeceu ao recoller o Goya especialmente á súa nai, facendo fincapé en que “eu só tiven que facer a parte máis fácil e máis bonito, compoñer música, mais ela tivo que traballar mañá, tarde e noite durante moitísimos anos para pagar unha educación carísima”.

Comentarios