Máis

A iconografía galega triunfa nas tatuaxes

Escenas da esmorga ourensá, a serea de Castelao, pandeireteiras, labregos e labregas traballando a terra... Son algúns dos elementos que representan nos seus deseños Anxo Varela e Lúa Carballo. Hoxe o seu proxecto común, Pruden Tattoo, é unha das marcas con máis éxito na ilustración galega e internacional.
Pruden Tattoo Dupla
photo_camera Algunhas láminas de Pruden Tattoo, incluídas as coleccións A Esmorga e A Contravento e o fanzine 128 mil quilómetros.

Cando Anxo Varela, máis coñecido como Pruden, comezou no mundo das tatuaxes non podía imaxinar que tempo despois se convertería nunha figura recoñecida dentro desa disciplina artística.

A súa actividade comezou en 2017. O éxito definitivo chegou co proxecto Pruden Tattoo, ao que máis tarde se incorporou a súa muller, Lúa Carballo. Ela asumiu o labor de deseño de ilustracións para imprimir nos produtos que comercializan a través da súa páxina web.

Varela e Carballo coñécense da súa vila, Ourense, desde a adolescencia. Ambos estudaron Historia da Arte en Santiago de Compostela, onde iniciaron a súa relación.
Desde hai máis de cinco anos, esta parella de artistas percorre Europa exportando a súa arte. Paulatinamente configuraron unha rede de contactos que lles garantiu certa estabilidade.

En declaracións a Nós Diario, Varela explica que o motivo principal que impulsou as súas viaxes foi a escasa tradición de tatuaxes do estilo que el traballa na Galiza, "cando comecei a tatuar, o meu estilo apenas tiña implantación na Galiza", admite. El buscaba arriscar, algo novo.

En Alemaña existe un maior interese pola arte das tatuaxes. Alí Varela entrou en contacto con novas tendencias que lle ofreceron novas perspectivas acerca do seu traballo.

Cando comecei a tatuar, o meu estilo apenas tiña implantación na Galiza

Hoxe os dous responsábeis de Pruden Tattoo viven na Galiza. A miúdo reciben encargas no país, aínda que recoñecen que a maioría dos seus clientes son "do centro de Europa", segundo indica Carballo. Tamén teñen seguidores en países remotos como Estados Unidos, Canadá ou mesmo Australia.

A súa axenda obriga a parella Pruden Tatto a viaxar entre cinco ou seis meses ao longo do ano para satisfacer a demanda do seu público espallado polo centro e norte de Europa.

A capacidade de adaptación dos emprendedores ourensáns é indiscutíbel, así o acredita a súa traxectoria. Ao longo da súa carreira recibiron ofertas de traballo de diversa índole. 

Eles destacan dúas encargas: unha ilustración que fixeron para un restaurante chamado Robb na vila de Gotemburgo (Suecia) e outra para o xornal francés Le Monde, que a utilizou para un festival de xornalismo. 

A parella que dirixe Pruden Tattoo tamén traballa co museo alemán Bauhaus, localizado na cidade de Berlín, onde se poden adquirir numerosos produtos que incorporan os deseños máis característicos e identificativos da obra de Pruden.

Particularmente importante é a colección Schools Out, Women of Bauhaus unha iniciativa que reivindica a importancia das mulleres na escola Bauhaus a través de prendas de ilustradas por Lúa Carballo.

Na súa lista de clientes tamén figuran empresas importantes como Netflix. A colaboración coa plataforma audiovisual máis popular consistiu en deseñar unha ilustración que servise como promoción para a estrea da película Amor de Nai.

No plano nacional é preciso destacar diferentes traballos. O máis recente é a ilustración que fixo a recoñecida marca ourensá de tatuaxes para o Festigal, que se celebrou o 24 e o 25 de xullo en Compostela.

Tamén en Compostela cómpre sinalar a colaboración que uniu a Pruden Tattoo con Nails Out, un proxecto do denominado nail art (arte a través das unllas) con base en Compostela. O encargo  consistiu tamén na creación dunha ilustración.

Outra marca importante coa que traballan Varela e Carballo é Acontravento. Esta firma de roupa galega fundada no ano 2019 na Guarda caracterízase por reivindicar a identidade galega dun "xeito actual".

A colaboración destas dúas organizacóns consistiu nunha colección especial chamada Retrincos de Castelao, na que Pruden Tattoo sintetiza con mestría a esencia da arte máis persoal de Castelao a través dunha serie de ilustracións.

128 mil quilómetros

O fanzine 128 mil quilómetros é unha revista publicada por Pruden Tattoo na que Anxo Varela e Lúa Carballo narran algunha das experiencias que viviron durante as súas viaxes.

Esta obra de edición limitada de 125 copias, inclúe un total de 70 deseños producidos pola parella ourensá distribuídos en 44 páxinas, acompañados de fotografías de diferentes países e cidades impresas en branco e negro; e textos.

A publicación recompila as vivencias de Varela e Carballo durante en cinco anos cheos de viaxes por Europa, tatuando en estudos de Berna ou Colonia.

Ao principio Varela viaxaba só, cando Carballo aínda non traballaba con el. A partir da súa unión profesional, os dous comezaron a percorrer todo o continente xuntos. Varela opina que a incorporación da súa muller facilitou as cousas e a partir de aí comezou a ser máis sinxelo pasar tanto tempo fóra.

Nas distintas localidades que visitaron crearon vínculos e implicacións emocionais. Por iso pode que lles resulte tan complicado seleccionar o seu destino favorito. Varela escolle Hamburgo. Carballo difire, ela prefire París. 

Referentes artísticos

A arte de Pruden Tattoo é moi particular. A súa singularidade débese á influencia de autores con estilos moi diferentes na obra de Varela e Carballo.

Os dous artistas explican que as súas obras nacen a partir da súa perspectiva sobre a vida e dos seus intereses sobre temas moi diversos.

As pegadas das ilustracións de Castelao e Luís Seoane na obra de Pruden Tatto constitúe un bo exemplo da importancia que ten a identidade galega para estes dous autores.

O traballo de Varela e Carballo tamén recolle a influencia da arte de Natalia Gonchorova, artista de orixe rusa especializada no abstracto. "A partir de aí xurdiu unha das primeiras escenas que realicei", asegura Anxo Varela. 

Outras figuras que tamén teñen un papel importante na obra dos emprendedores ourensáns é a artista figurativa Mel Williams.

Tatuaxes como arte

As achegas de artistas como Anxo Varela contribúen a dotar as tatuaxes de novos significados artísticos, recollendo a herdanza de pintores clásicos nunha nova linguaxe visual, máis urbana e actual. Isto permite explorar novas fórmulas de comunicación a través da arte.

Para os promotores de Pruden Tattoo, Lúa Carballo e Anxo Varela "as tatuaxes son unha saída que permite a miles de artistas de todo o mundo vivir da súa paixón".
 

Comentarios