Lúa e Anxo: "Tatuamos os debuxos de Castelao, sobre todo de vellos. Na Alemaña cren que son da mafia"

Lúa Carballo e Anxo Varela, do estudo Pruden Tatoo de Ourense contan como é traballar de maneira itinerante e os seus inicios na profesión.
Nunha das súas viaxes itinerantes, Lúa Carballo e Anxo Varela en Berna (Pruden Tatoo)
photo_camera Nunha das súas viaxes itinerantes, Lúa Carballo e Anxo Varela en Berna (Pruden Tatoo)

Pruden Tatoo é un estudo galego de tatuaxe con sede en Ourense que traballa de maneira itinerante. O seu creador, Anxo Varela, comezou hai catro anos de maneira autodidacta, facendo todo o proceso, cun estilo propio. Hai pouco máis dun ano incorporouse ao proxecto Lúa Carballo, levando o deseño e promoción da proposta a través de internet. A pandemia ofreceulles a oportunidade de desenvolver a páxina web e comercializar tamén roupa e láminas con deseños propios que espallan por toda Europa. 

Como se aprende a arte de tatuar corpos?

É algo bastante complicado. Igual que para o deseño gráfico tes moita información, mesmo nas redes sociais, de tatuaxe a información é moi escasa e a que hai non é moi boa. Aprendes como podes. Hai xente que accede a través de tendas. Eu aprendín só, polo que tiven un proceso lento. Ao principio tes a oportunidade de tatuar amizades, as máis arriscadas, para conseguir avanzar. 

Que é o máis difícil deste proceso?

Debuxar ben non significa que tatúes ben. Tes que comezar de novo. Eu debuxei toda a miña vida mais hai que adaptarse para que sexa traducíbel á tatuaxe. Que os negros non coincidan entre si ou que as liñas ofrezan un bo contraste... é a chave de ser capaz traducir o teu debuxo e conseguir o teu estilo para que guste.

Cales son os temas máis comúns?

Estamos nun momento bastante bo na temática de reivindicación a través da roupa e das novas correntes de expresión artística. Están nacendo moitas novas marcas de xente nova que recollen a parte popular da nosa cultura. Está moi ben adaptalas aos nosos días e facelo cunha linguaxe que sexa atractiva para a mocidade tamén. É moi necesario poder incluír esa linguaxe e que non sexa sempre o estilo máis recoñecido de Old School, moi americano en formas.

Emprego bastante os debuxos de Castelao, sobre todo os dos vellos porque penso que son unha pasada a nivel de composición. Teño feito moitos para Alemaña, caso curioso que os interpreten como da mafia polas súas formas, e teño que explicalos. Tamén fago deseños propios, quizais sen mensaxes claras.

Que significado teñen hoxe en día as tatuaxes?

Agora mesmo o mundo da tatuaxe deixa un pouco máis á marxe o significado das pezas e busca que sexa algo máis estético. Pasa a ter un valor artístico en si. Dáselle máis importancia ao traballo da artista que ao significado da obra en si mesma. 

Hai dúas vertentes. Os estudos de tatuaxe clásico, onde vas cunha idea, sexa o nome da túa nai ou un realista, e logo hai outra máis de artista. Cando viaxo, a xente vén a min polo estilo, non me preguntan por algo que estea lonxe do que eu fago. Fixen moitas veces campesiñas, como as de Seoane, en Suíza e Alemaña. Cando buscas referencias na túa cultura é unha maneira de facela universal por ser un tema común. Máis alá dos significados, é algo aberto e interpretábel.

As tatuaxes mudan co tempo?

Mudan si, máis ou menos dependendo da técnica, do estilo e da pel de cada persoa. Se fas unha tatuaxe fotorrealista tes que ser bo polos pigmentos que se perden, as sombras. Eu, por exemplo fago unha tatuaxe simple, en negro, e teño que decidir que tipo de agulla vou escoller. Dáselle unha importancia excesiva ao feito de que as tatuaxes teñen que estar perfectas e é algo que non é real. Para min é interesante atoparte de súpeto cunha persoa que ten 60 anos e ver que a súa tatuaxe mudou, da mesma maneira que tamén mudou esa persoa.

Estes meses de pandemia marcarán o mundo da tatuaxe?

Creo que xa cambiou bastante. Neste mundo os procesos de hixiene sempre estiveron aí. Agora é algo máis complicado. O que chamamos guest, viaxar dun estudio a outro, altérase polo tema da ocupación.

Comentarios