Día da Ilustración para Mª Antonia Dans

Novas publicacións e actividades están contribuíndo a coñecer mellor a obra de María Antonia Dans, (Oza dos Ríos, 1922-Madrid, 1988), a artista homenaxeada este ano no Día da Ilustración. Entre as súas facetas creadoras máis descoñecidas está, precisamente, a de ilustradora de libros e xornais.
Ilustración para 'Galicia, unha cultura de occidente', con textos de Ramón Otero Pedraio.
photo_camera Ilustración para 'Galicia, unha cultura de occidente', con textos de Ramón Otero Pedraio. (Foto: Biblioteca da Galiza)

O ano 2022 celebrouse o centenario do nacemento de María Antonia Dans, mais a conmemoración continúa: o Día da Ilustración deste ano, que se conmemora o 30 de xaneiro —polo nacemento de Castelao—, dedícase á artista de Oza dos Ríos. A figura de Dans tivo un considerábel éxito a partir da década de 1950 mais a súa obra merece ser revisada desde parámetros máis contemporáneos. Co gallo do centenario, xa se deron os primeiros pasos para esa relectura. 

A historiadora e crítica de arte Rosario Sarmiento publicou un número da colección "Grandes Artistas de Galicia" que publica a Deputación da Coruña dedicado a Dans. Ademais, o Consello da Cultura Galega brindoulle en novembro a xornada Revisando a nosa arte, na que participaron a propia Sarmiento, a historiadora da arte Carmen Pena, e o xornalista e sobriño-neto da artista, Lois Alcayde Dans, entre outros. 

Estes traballos apuntan a unha reconsideración da obra de Dans, que foi etiquetada baixo o tópico dunha pintora naif que retrataba unha Galiza idealizada, malia que, en realidade, os seus cadros reflicten un mundo de traballos campesiños moi duros cun estilo que continúa a tradición de pintores renovadores da arte galega como Laxeiro, Colmeiro ou, sobre todo, Maside.

Ademais, sae á luz agora o seu papel de artista comprometida coa súa condición feminina, nuns tempos complicados para manter esa postura. "Se non fose muller, os meus cadros custarían o dobre", chegou a declarar Dans, deixando así constancia desa conciencia dunha discriminación contra a que pelexaría toda a súa vida.

A ilustradora

Mais entre todas as facetas da súa obra, talvez a máis complicada de recuperar sexa, precisamente, a de ilustradora. Dans traballou en prensa, en xornais como ABC ou Pueblo, mais tamén ilustrou libros de literatura infantil durante a década de 1960, especialmente para a editorial Doncel. Porén, a meirande parte deses títulos están descatalogados e os exemplares que quedan atópanse en mans de coleccionistas privados.

Nestes traballos, segundo destaca Rosario Sarmiento, a pintora conecta a ilustración coa narración a través dun debuxo que estrutura as masas de cor, unha característica que Dans tomou da súa primeira formación con Lolita Díaz Baliño na Coruña, outra artista recuperada recentemente polo Día da Ilustración.

Comentarios