Caderno 'Máis'

A celebrar o Festigal: dous días de música en directo, presentacións e ideas a debate

No campus sur de Santiago, o Festigal será un lugar de encontro no que escoitar os alalás de Tanxugueiras, reflexionar sobre a situación e futuro da Galiza en palestras ou asistir á presentación de novidades editoriais, todo nun mesmo espazo en que a cativada tamén terá motivos para se divertir e aprender á vez. A festa das ideas, das letras e da canción comezará mañá.
Tanxugueiras actuarán o domingo.  (Foto: Getxo Folk)
photo_camera Tanxugueiras actuarán o domingo. (Foto: Getxo Folk)

O Festigal será un lugar de encontro o 24 e 25 de xullo, onde asistir a palestras, escoitar música en directo e desfrutar de presentacións e obradoiros para a cativada. Un dos puntos máis fortes da programación deste festival organizado pola Fundación Galiza Sempre, Galiza Nova e a Comisión Festigal é o concerto de mañá, en que o público atenderá a distintos estilos e formas de facer nunha posta en escena que estará capitaneada por Tanxugueiras.

As cantareiras Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro reinterpretarán sobre o escenario os sons dunha tradición milenaria fusionándoa con ritmos urbanos, máis próximos ao trap ou á electrónica.

Previamente actuará A Banda da Loba. Andrea, Estela, Inés, Marcela e Xiana son outros dos referentes actuais da música galega. No Festigal presentarán Xabón Lagarta, inspirado no universo vital das lavandeiras e neses espazos de liberdade, confidencias e insubmisión que eran os lavadoiros.

Actuarán no evento Tanxugueiras, A Banda da Loba, Familia Caamagno, Bratzantifa, Alberto Mvundi, John Deeres, DJ Ferromona e Pablo Díaz e a Banda de Visantoña

O cartel completarase co son inconfundíbel de Familia Caamagno  que veñen a Compostela con novo traballo. A nivel formal a banda tende a ir máis até o contemporáneo e o pop. Braztantifa, gañadoras da VI edición do Concurso Novos valores que organiza a Comisión Festigal, porá o punto seguido logo de formarse como parella artística no confinamento. Foi entón cando Marina e Lucía comezaron a facer música na cociña das súas casas. O resultado son temas urbanos e de letras punk que beben do bedroom pop. Elas mesmas defínense como unhas hooligans do brandiño e da tenrura radical.

A velada musical dará paso a unha segunda na tardiña do 25. A partir das 18 horas, o público poderá gozar do repertorio do angolano Alberto Mvundi, afincado na Galiza desde hai anos. Compartirá escenario cos John Deeres, que levan 15 anos facendo hard rock en galego, e Berto, que é a metade de Verto. Hai sete meses que o artista publicou o seu primeiro traballo en solitario, Viaxe ao espazo interior, e en marzo de 2022 sorprendeu cun novo EP titulado Bailar Chikito. Por último, DJ Ferromona, Luzía Álvarez, porá a toda a parroquia a bailar. Para a cativada, no campus sur celebrarase ás 16 un obradoiro de Enredos sonoros, en colaboración coa Asociación de Gaiteiras Galegas e Galegos. Unha hora máis tarde, o mesmo colectivo coordinará unha sesión de baile e ás 18, Títeres Cachirulo representará O Cachimóbil. Ás 19 horas, Pablo Díaz e a Banda de Visantoña estarán co espectáculo Tic Tac.

Galería das Ideas

Canto a coloquios, na tarde do 25 están previstas unha serie de mesas redondas baixo o título. A primeira delas, programada para as 16.30 horas, xirará sobre 'Extrema dereita e Democracia' e nela participarán a politóloga Idoia Arreaza, que está especializada no avance do fascismo no sur de Europa; Ángeles Diez, doutora en Ciencias Políticas e Socioloxía da Universidade Complutense e integrante do Frente Antimperialista Internacionalista (FAI); e Joana Mortágua, deputada da Assembleia da República Portuguesa polo Bloco de Esquerda. Moderará, Xosé Lois Rivera, pola Fundación Moncho Reboiras.

Ás 18 horas, a responsábel de relacións internacionais do BNG e voceira en Bruxelas, Ana Miranda, moderará 'Cara a unha Europa dos pobos' xunto a Néstor Rego (BNG), Sara Bailac (ERC), Mertxe Aizpurua (Bildu), Amadeu Mezquida (Més-Compromís) e Miquel Rossellò (Més per Mallorca).

Libros e audiovisual

Festigal será tamén unha festa do libro. Ás 16.30 horas, presentarase Teño dereitos, editado por Esculca. Observatorio para a Defensa dos Dereitos e Liberdades. No acto participará a presidenta da entidade, Lucía Barros.

Seguidamente, ás 17.15 horas introducirase a obra de Manuel María para públicos novos, con materiais divulgativos, didácticos e lúdicos, dirixidos para as crianzas, mocidade, familias e profesorado, sobre a poesía e a narrativa infanto-xuvenil do poeta de Outeiro de Rei. Este proxecto vén da man da Casa-Museo Manuel María, por iso que asistirán o autor Pepe Carreiro e Alberte Ansede, secretario da Fundación Manuel María.

No Festigal presentarase o libro 'A nación dos mil viños'

Ás 18 horas, Martiño Santos e Xosé Gontá, sumilleres e fundadores do espazo enocultural Vide, Vide! presentarán o libro A nación dos mil viños. A cita marca o inicio da distribución desta publicación editada por Laiovento e que nace do coleccionábel sobre os viños que Nós Diario inaugurou 2022.

Da literatura pasarase ao audiovisual coa proxección ás 18 horas do avance do documentario Setembro do 82: o nacemento da unidade nacionalista. O adianto deste filme da Fundación Galiza Sempre dará pé a unha palestra sobre o 40 aniversario da Asemblea de Riazor, en que se fundou Bloque Nacionalista Galego. Participarán Francisco Rodríguez, Encarna Otero e Mario López Rico. Como moderadora estará a xornalista Carme Vidal.

Ás 18.45 horas, poderase ver un adianto de A Semente de 1972, como fonte inspiradora dun debate sobre o 50 aniversario. Nación. Clase. A loita continúa. No acto analizaranse os sucesos de Ferrol e Vigo dese ano, a conflitividade laboral de 1972 na Galiza e a importancia destas loitas do movemento obreiro galego na ditadura franquista e a súa influencia no nacemento do sindicalismo nacionalista galego. Falarán Elvira Souto, Xesús Chaves e Suso Seixo, presidente da Fundación Moncho Reboiras, encargada de editar o traballo.

Xa ás 19.30 horas da tarde, haberá unha presentación conxunta de libros. Por un lado, estará Carlos Callón con O libro negro da lingua galega (Xerais,2022), e por outro, Miguel Carnota con Lingua, poder e adolescencia (Xerais, 2022).

Os autores estarán acompañados por Pepa Baamonde, Séchu Sende e Cibrán Arxibai. José Manuel Barbosa presentará ás 20.30 horas Porque caiu a Galiza? (Através Editora, 2022). Ao seu lado sentará Valentim Fagim, codirector de Através Editora.

Comentarios