Pardo de Cela volve á vida o sábado no 'Sermos Galiza'

A portada da publicación é da autoría de Anxo Varela, un novo ilustrador gráfico galego, impulsor de Pruden Tattoo
Detalle da capa, unha creación de Anxo Varela [Prudden Tattoo] (Foto: Nós Diario).
photo_camera Detalle da capa, unha creación de Anxo Varela [Pruden Tattoo] (Foto: Nós Diario).

Este sábado 10 de decembro acompañará Nós Diario un número monográfico do semanario Sermos Galiza titulado Pardo de Cela na Galiza do século XV, onde colaboran Carme Varela, Carolina Casal, Francisco Rodríguez, María Xosé Rodríguez Galdo, Anselmo López Carreira, Xosé Ramón Freixeiro Mato e Alexandre Peres Vigo

A portada da publicación é da autoría de Anxo Varela, un novo ilustrador gráfico galego, impulsor de Pruden Tattoo, unha marca artística coñecida polos seus traballos en diversos formatos. Neste sentido, destacan as súas intervencións no campo da tatuaxe, sendo un dos profesionais galegos deste ámbito con máis proxección internacional.

O deseño

Varela sinala a Nós Diario que no seu deseño sobre Pardo de Cela tomou "referencias variadas". Así, "as columnas, coas que quero achegar o público ao período medieval e ao tempo do Reino da Galiza, están tomadas dunha imaxe de Afonso VIII no Tombo A da Catedral de Compostela. A ilustración de Pardo de Cela, coa cabeza cortada convertida nun esqueleto, quere representar o mito que segue vivo e en pé".

O deseño de Varela serve de pórtico a unha publicación que busca achegarse ao mariscal Pardo de Cela e ao seu tempo histórico, pois no século XV atópanse algunhas claves que explican a situación actual do país.

Precisamente, neste contexto alcanza a categoría de símbolo Pardo de Cela, cuxa figura segue viva na memoria oral e popular do norte galego. Uns casos análogos ao deste líder galego degolado na praza da Catedral de Mondoñedo en 1483 son os condes de Lemos, Pedro Álvarez Osorio e Rodrigo de Castro, e Pedro Madruga, o conde de Camiña.

O número monográfico de Sermos Galiza conta con traballos de Francisco Rodríguez, que explica o novo contexto político do século XV após a derrota da revolución galega da centuria anterior. María Xosé Rodríguez Galdo achégase á realidade social e económica daquel momento e Anselmo López Carreira recupera a figura de Pardo de Cela desde a perspectiva da historia e da tradición.

Alexandre Peres Vigo reflexiona sobre a visión da Galiza nas crónicas castelás e Xosé Ramón Freixeiro Mato analiza a situación da lingua. Carme Varela e Carolina Casal debuxan no seu artigo o proceso de incorporación dos mosteiros galegos aos casteláns.

Comentarios