Comeza a edición máis longa da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo

O humor crítico retorna a Cangas

O pregón que lerá esta sexta feira a dramaturga Clara Gayo dará comezo á edición máis longa da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas: do 24 de xuño ao 9 de xuño. Dezaseis días para acudir a un teatro que apela ao humor sen perder un chisco de carga crítica e de espírito reivindicativo.   
Melania Cruz dá vida a María Casares en 'Continente María'.
photo_camera Melania Cruz dá vida a María Casares en 'Continente María'.

A receita do humor nunca falla. En Cangas téñeno claro, e ante un tempo convulso, a resposta é contundente: máis alegría, mais risa. A 39ª edición da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas amplía datas e dá paso, a partir desta sexta feira, a dezaseis días de comedia, dun teatro que busca ver "o lado máis brillante da vida" -segundo aconsellaban os Monty Python- sen perder por iso a mirada crítica sobre a sociedade, a ollada irónica que denuncia e que reivindica. 

A Mostra de Cangas presenta este ano un total de 26 espectáculos, dos cales catro son estreas absolutas (Paxaros no cabo, de Pistacatro, un espectáculo de circo contemporáneo e danza vertical concibido para ser representado en polideportivos; Histriónica, da actriz e dramaturga Mónica Sueiro; Somos circo, da compañía galega Desastronauts; e unha peza da Escola de Teatro de Cangas, Días entre lusco e fusco) e nove son estreas na Galiza, entre as que atopamos Surprise, dos chilenos Pepe's Show, Makers, da compañía suíza L'Alakran (coñecida por estes lares por pór en escena varios textos de Antón Reixa) ou  Veus que no veus, da catalá Pepa Plana, un referente internacional no eido do clown que fechará a Mostra o 9 de xullo. 

Outros espectáculos de fóra aos que haberá que prestar atención son Pas de deux, que xuntará no escenario do Auditorio de Cangas o Premio Nacional de Danza Chevi Muraday e a Miss Beige, personaxe creado pola performer Ana Esmith; ou ¡Ave osos!, dos vascos El mono habitado.

 

Apoio ao teatro galego

A difusión e o apoio ao teatro galego segue sendo unha das guías que marcan a programación da  Mostra de Cangas e, de feito, está na orixe da ampliación de datas desta edición. "A idea xurdiu en 2019", explica María Armesto, directora da Mostra, "mais o ano seguinte veu a pandemia e todo se complicou. Na edición de 2020, o teatro galego tivo un protagonismo aínda maior que de costume, como mostra de apoio dentro da crise que estaba vivindo o sector. E agora chegou a oportunidade de ampliar o número de espectáculos galegos sen que iso afecte a programación internacional". 

Así, ademais dos espectáculos de Pistacatro, Mónica Sueiro e Desastronautats, o público de Cangas poderá ver, entre outras, Amantis, a nova montaxe de Rebordelos dirixida por Tamara Canosa, ou Continente María, a  obra sobre María Casares producida por Ainé, dirixida por Tito Asorey e interpretada por Melania Cruz. Ademais, poderán verse varios espectáculos infantís feitos na Galiza, entre eles, o Quixote da compañía Pedras de Cartón, gañador do X Certamen Internacional Barroco Infantil do Festival de Almagro.

O VI Torneo de dramaturxia de Galiza, xa consolidado como unha ferramenta que estabelece lazos entre autoras e autores co público, decorrerá o 5 de xullo, con Laura Porto, Raquel Castro, Cándido Pazó e Antón Coucheiro como protagonistas.

Lembranza de Lino Braxe e María Casares

A Mostra renderá homenaxe a Lino Braxe, figura esencial do teatro e da cultura galega finado en 2020. O hall do Auditorio acollerá a exposición Poeta nas ondas, unha mostra que recolle algunhas das súas pinturas e poemas visuais. A continuación, haberá un acto poético musical na súa honra. E á noite, no Auditorio, as compañías Bucanero e Manarte, ambas colaboradoras habituais de Braxe, porán en escena Eurovisión (O Fake Show), a última peza escrita polo autor.

O centenario de María Casares tamén estará presente na Mostra de Cangas a través non só da obra Continente María, senón tamén das dúas conferencias que darán sobre a súa figura María Lopo e Sabela Hermida e da lectura dramatizada de Política sentimental, unha peza de Javier Villán que recrea o encontro entre a actriz galega e Albert Camus.

Diversas

"Este ano quixemos atender especialmente a diversidade escénica", explica Armesto. "Hai espectáculos de danza, circo,  clown, performance... Queremos mostrar todo o abano da creación que agora mesmo está dándose tanto na Galiza como fóra dela".

E non só esa diversidade desfilará sobre as táboas: a Mostra de Cangas é pioneira en buscar a paridade de xénero na súa programación. Este ano, as xornadas de debate Mulleres en acción, que xa van pola vixésimo segunda edición, traerán debates, coloquios, presentacións de libros, obradoiros e performances que tratarán de reflectir as realidades, inquedanzas, preocupacións e intereses do movemento feminista, do colectivo LGTBI, e das xeracións máis novas. O Premio Mulleres en Acción, que se entrega desde 2012, será este ano para Tanxugueiras. Non podía ser doutra forma.

Premio Xiria á Casa Museo Manuel María

O Premio Xiria ao Labor Teatral deste ano será para a Casa-Museo Manuel María. A organización da MITCFC outórgalle este recoñecemento pola creación do Certame de Proxectos Teatrais para Compañías Profesionais, un “excepcional proxecto” que promove a produción da obra dramática de Manuel María.

Comentarios