A obra 'Continente María', chega a Compostela

O Salón Teatro de Compostela acollerá, desde esta quinta feira e até o 29 de maio, a coprodución do Centro Dramático Galego que homenaxea á acriz María Casares no centenario do seu nacemento.
Presentación da obra no Salón Teatro de Compostela (Foto: Conchi Paz/ Europa Press)
photo_camera Presentación da obra no Salón Teatro de Compostela (Foto: Conchi Paz/ Europa Press)

A obra Continente María chega esta quinta feira ao Salón Teatro de Compostela onde realizará oito funcións até o 29 de maio. A peza teatral homenaxea á figura da actriz María Casares coincidindo co centenario do seu nacemento. Trátase dunha coprodución de Ainé Producións, o Concello da Coruña, A Quinta do Cuadrante e o Centro Dramático Galego, que parte dun traballo documental sobre a vida e figura da actriz.

Escrita pola dramaturga uruguaia Marianella Morena e producida polo actor e humorista Xosé A. Touriñán, a obra está dirixida por Tito Asorey, protagonizada por Melania Cruz e conta coa música do pianista Vadim Yukhnevich.

A peza mestura teatro, poesía, música en directo e traballo audiovisual para achegar a María Casares ao público de maneira artística. 

Esta obra é a quinta coprodución estreada polo Centro Dramático Galego no que vai de ano. Súmase así a Come and go, de Helena Salgueiro; O Péndulo, de Inversa Teatro; Rastros, de Condetrespés, e os novos volumes de Clásicas desfeitas, en coprodución coa Cidade da Cultura da Galiza e a cargo das compañías Galeatro e Moving Compass. As funcións no Salón Teatro terán lugar de quinta feira a sábado ás 20 horas, e os domingos, ás 18 horas. 

Unha peza que fala do presente

Continente María estreouse o pasado 16 de maio no Teatro Rosalía de Castro da Coruña.

Na presentación compostelá participou, entre outras e outros, o secretario xeral de Cultura da Xunta da Galiza, Anxo Lorenzo, que destacou que a iniciativa xorde da necesidade de "divulgar a importancia desta figura desde o espazo escénico, o contexto no que ela se fixo universal" polo que "na programación da Xunta con motivo do centenario non podía faltar unha proposta creada no ámbito teatral”. 

Tito Asorey, polo seu lado, asegurou que "non é só unha obra histórica ou biográfica, tamén é unha peza que nos fala desde e sobre o noso presente", aludindo ao conflito na Ucraína.

Sobre as táboas estarán a actriz Melania Cruz, quen sinte unha gran responsabilidade ao "traer de volta a través do seu corpo a Casares" e o músico bielorruso Vadim Yukhnevich, quen di "viaxar aos seus adentros mediante esta obra e reflexionar con ela sobre o seu propio exilio".

Comentarios