O Memorial Ibán Toxeiro rende tributo a un creador único e un activista incansábel

As mil caras de Lino Braxe

A morte levouno de forma prematura, mais a súa pegada quedou patente na poesía, no teatro, na música, nas artes... A Asociación Cultural Alexandre Bóveda lembra, na gala do Memorial Ibán Toxeiro, a poliédrica obra de Lino Braxe, creador e activista inesgotábel cuxa obra segue pendente dunha revisión a fondo. 
Lino Braxe. (Foto: Eduardo Castro Bal)
photo_camera Lino Braxe. (Foto: Eduardo Castro Bal)

O activismo e a paixón vital de Lino Braxe (Mugardos, 1962 - A Coruña, 2020) fan case imposíbel resumir a súa carreira: poeta, dramaturgo, director, actor, locutor de radio, pintor, debuxante... mais tamén impulsor de moreas de proxectos e incansábel dinamizador da vida cultural galega en todos os ámbitos. 

O Memorial Ibán Toxeiro, organizado pola Asociación Cultural Alexandre Bóveda desde hai vinte e catro anos, estará dedicado nesta edición a lembrar a súa figura e o seu traballo, durante moito tempo vencellado á Asociación.

“El considerábase sobre todo, un poeta, mais o seu traballo é moi diverso, moi polifacético. E o que faremos nesta gala é lembrar todas as caras da súa obra”, explica Manuela Varela, actriz e compañeira de Braxe, e encargada da dirección desta gala.  

 "Para min é unha gran responsabilidade", confesa Varela, "porque Lino era quen viña dirixindo estas galas e, daquela, o desafío é duplo: estar a altura do listón que el estabeleceu e tratar de renderlle a honra que merece á súa figura. Ademais, persoalmente, e por mor do vínculo coa Asociación Cultural Alexandre Bóveda, Lino e mais eu traballamos xuntos moitísimas veces, convivimos e viaxamos moito... e recoller o seu legado é unha honra e un pracer. En todo caso, si que podo asegurar que estou traballando con todo o agarimo de que son capaz". 

Como dramaturgo, é autor dunha prolífica obra que conta con títulos especialmente relevantes para comprender o teatro da nosa época

As mil facetas de Lino Braxe 

O actor Miguel Pernas, con quen compartiu moitos momentos nos escenarios, será o encargado de entregarlle á familia de Braxe o Premio de Honra da Asociación. Máis a Alexandre Bóveda pretende ir máis aló e ofrecer un mosaico que dea fe da variada e fértil obra do autor de Mugardos.

O teatro sempre foi un dos grandes motores que moveu a Braxe. Como dramaturgo, é autor dunha prolífica obra que conta con títulos especialmente relevantes para comprender o teatro da nosa época -A promesa, Romano, A amarga emoción do perdido, A mamma...- e que, por certo, aínda están esperando un editor que os compile. A gala presentará, como un dos pratos fortes, a estrea da última obra que escribiu, O Real Corona virus, composta durante o confinamento. Escrita para o Grupo Teatral da Asociación Cultural Alexandre Bóveda, o seu falecemento impediu que a puxese el mesmo en escena. Manuela Varela dirixe a montaxe que se poderá ver mañá no Rosalía de Castro. 

Haberá quen lembre a Lino Braxe como director teatral, grazas a obras tan significativas no seu momento como o Hamlet que dirixiu en 2007 con Luís Tosar como protagonista, como a parella de textos de José Prieto, Fobias e Carambola, montada coa compañía de Ernesto Chao e Rosa Álvarez, Lagarta lagarta, ou como o espectáculo Mundo Lois, que levou á escena o entusiasmo xerado polo Día das Letras dedicado a Lois Pereiro. Para estes, a gala contará cun sketch interpretado pola compañía Bucanero Teatro e que foi dirixido polo propio Braxe. 

Tamén como actor Lino Braxe desenvolveu unha dilatada carreira que será rememorada grazas a un vídeo que recolle algúns dos momentos desta traxectoria. E outro vídeo, creado este polo seu amigo o director Xosé Manuel Rabón, dará a coñecer a que quizais é a dimensión menos coñecida de Lino Braxe, a de pintor e artista plástico. 

Braxe deuse a coñecer na xa histórica antoloxía De amor e desamor, xunto a autores como Manuel Rivas, Lois Pereiro, Miguel Anxo Fernán Vello, Pilar Pallarés ou Xulio Valcárcel

Mais a el gustáballe que o  considerasen poeta. Neste campo, Braxe deuse a coñecer na xa histórica antoloxía De amor e desamor, xunto a autores como Manuel Rivas, Lois Pereiro, Miguel Anxo Fernán Vello, Pilar Pallarés ou Xulio Valcárcel. Seguiron títulos tan persoais como Entre ruínas, Árdora, O sangue dos árabes ou Baixo o sol de Mesina. A gala contará co recitado de varios poemas seus "para o que contaremos con persoas ligadas ao mundo literario", anuncia Manuela Varela.

O acto rematará cun rexistro audiovisual do propio Braxe interpretando Negra sombra, para lembrar un cantante vocacional que tamén neste campo se desenvolveu con soltura e creatividade: formou a banda A caricia da serpe -xunto con Miguel Ladrón de Guevara, Xosé Luis Saqués e Rómulo Sanjurjo- co que gravou discos e xirou intensamente por todo o país. 

Recuperar a figura de Braxe 

A homenaxe volverá a poñer o foco sobre un artista de primeira fila que, quizais nos últimos tempos, por mor da doenza que padecía, era menos visíbel que noutras épocas. Aínda que o seu entusiasmo non decaeu nunca: "Seguía moi activo", aclara Manuela Varela.

"Estaba á fronte do Grupo de Teatro da Asociación Alexandre Bóveda -co que puxo en escena as obras de Luís Seoane-, dirixía a compañía Bucanero Teatro, montou O paseo das esfinxes de Luísa Villalta coa compañía Teatro Proscrito... Tiña certos problemas para viaxar, pero mantiña unha intensa actividade, especialmente na área da Coruña". 

Comentarios