Héctor Pena recolle o Premio Johán Carballeira de Xornalismo

Pena foi gañador do Johán Carballeira de xornalismo por Historia inacabada do deporte galego, unha reportaxe publicada por Nós Diario.
Manuel López e Héctor Pena esta segunda feira (Foto: Concello de Bueu).
photo_camera Manuel López e Héctor Pena esta segunda feira (Foto: Concello de Bueu).

O Centro Social do Mar de Bueu acolleu onte o acto de entrega dos Premios Johan Carballeira do Concello. Héctor Pena, galardoado na categoría de xornalismo e Manuel López, gañador na de poesía, recolleron os seus respectivos premios na gala celebrada no concello morracense. 

O xornalista deportivo Héctor Pena resultou gañador na categoría de Xornalismo con Historia inacabada do deporte galego, unha reportaxe publicada por Nós Diario e que destacou entre as dezaoito obras presentadas ao certame. 

O xurado salientou "o traballo xornalístico de investigación levado a cabo polo autor para documentar diferentes ámbitos do deporte e a súa relación coa identidade do país". A reportaxe "fusiona pasado, presente e futuro dos deportes galegos que van desde o fútbol até os deportes autóctonos e populares, pasando polas traíñas e as artes marciais". O autor "dálle o lugar que merece" ao deporte paralímpico, sen esquecer a perspectiva de xénero, di a acta do xurado, conformado por Antía Yánez, escritora e gañadora da edición anterior, Susana Pedreira, xornalista radiofónica e Manuel A. Mosteiro García, en representación da Asociación de Amigos de Johan Carballeira. 

Pola súa parte, Manuel López Rodríguez, de Noia, recolleu o XXVI Premio Johan Carballeira de Poesía co poemario 831-Urb, que salientou entre as cincuenta e tres obras presentadas. O xurado estivo conformado polas poetas e profesoras, Lucía Novas e Elvira Ribeiro, e Antón Lopo, tamén poeta e editor. 

Na acta, o xurado destacou que "é un libro de distopía cunha forte narratividade que ensaia unha forma de poesía híbrida, metamórfica onde o poder é descrito con crueza". Así mesmo, a obra está escrita con versos rotos, prosa tecnificada e golpes de efecto que axudan a construír un libro que "pode lerse tamén coma unha aventura de disfraces".

Comentarios