Manuel López Rodríguez gaña o XXVI Premio Johan Carballeira de Poesía

O poemario '831-Urb' leva o recoñecemento do Concello de Bueu.
Manuel López Rodríguez, gañador do Premio Johan Carballeira de Poesía. (Foto: Andrea Fernández Maneiro).
photo_camera Manuel López Rodríguez, gañador do Premio Johan Carballeira de Poesía. (Foto: Andrea Fernández Maneiro).

Manuel López Rodríguez resultou gañador do XXVI Premio Johan Carballeira de Poesía convocado polo Concello de Bueu co poemario 831-Urb, que salientou de entre as cincuenta e tres obras presentadas.

O xurado, que se reuniu onte, estivo conformado polas poetas e profesoras Lucía Novas e Elvira Ribeiro, e Antón Lopo, tamén poeta e editor. Na acta, o xurado destacou que “é un libro de distopía cunha forte narratividade que ensaia unha forma de poesía híbrida, metamórfica onde o poder é descrito con crueza”.

A obra está escrita con versos rotos, prosa tecnificada e golpes de efecto que axudan a construír un libro que “pode lerse tamén como unha aventura de disfraces”.

Manuel López, poeta de Noia, cofundou o Colectivo Literario Sacou. Ten publicado libros individuais como Antítese nativa, Rompe, Desde onde non nace, Vangarda ule ou Nas pulsacións, alén de participar en revistas e volumes colectivos.

A súa obra mereceu numerosos premios de poesía, como o Suso Vaamonde, o Eduardo Pondal, o López Ardeiro, o Rosalía de Castro, o Francisco Añón do Concello de Outes, ou o Lueiro Rei, entre outros.

O premio, dotado con 1.500 euros, naceu coma unha homenaxe ao político nacionalista, poeta e xornalista de Bueu, José Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johan Carballeira, que tamén foi alcalde de Bueu até o seu asasinato a mans dos franquistas. 

Amais, o poemario publicarase o próximo ano na colección de poesía da editorial Xerais.

Este certame, convocado polo Concello de Bueu desde hai vinte e seis anos, ten premiado poetas recoñecidos como Xosé Carlos Caneiro, Emma Pedreira, Yolanda Castaño, Xurxo Alonso, Mario Regueira, Berta Dávila, María Carmen Caramés, Ismael Ramos, Lucía Novas, Pura Tejelo ou María Reimóndez.

Comentarios