Héctor Pena: "A muller leva o peso dos logros no deporte galego"

Nós Diario lanza, en colaboración coa plataforma social Vía Galega, un novo coleccionábel que leva por título 'Historia inacabada do deporte galego'. O seu coordinador e responsábel de deportes do xornal, Héctor Pena, debulla nesta conversa este traballo e apunta algunhas cuestións de futuro para o deporte galego.
O xornalista Héctor Pena na Coruña (Foto: Nós Diario).
photo_camera O xornalista Héctor Pena na Coruña (Foto: Nós Diario).

Cal é a idea principal deste novo coleccionábel?

O propio título, 'Historia inacabada do deporte galego', explícase pola razón de que o deporte non ten fin, mañá voltará outra carreira ou competición con outros resultados. Tentamos facer un compendio o máis multidisciplinar posíbel do que é o deporte galego ao longo da historia.

Como foi ese traballo de investigación para chegar a ter este resultado?

Foi moi complexo e variado. Tivemos a sorte de falar con protagonistas que tamén fixeron a súa contribución e aparecen en forma de citas na diferentes reportaxes. Despois realizamos moita consulta hemerográfica cunha importante presenza de xornais antigos e bibliografía galega do tema. 

Algunha curiosidade que poida salientar deste coleccionábel?

Está cheo de curiosidades. Non me gustaría facer spoiler. O principal son as nosas medallas olímpicas, o centenario da selección galega co que abrimos o coleccionábel... mais eu estou especialmente orgulloso de todo o traballo referente ás disciplinas que non son mainstream e están fóra do foco mediático. Hai todo tipo de historias interesantes relacionadas con deportes como o voleibol ou o hóckey mais tamén coas prácticas tradicionais como a chave ou a billarda. Unha das ideas que queremos transmitir con este coleccionábel é que somos triunfadores, sempre gañamos cousas en todas as disciplinas e en todas as épocas.   

Este ano 2020, en novembro, faranse os 100 anos do primeiro partido da selección galega de fútbol

Os primeiros fascículos abordan a selección galega de fútbol. Que significou para o deporte galego?

Este ano 2020, en novembro, faranse os 100 anos do primeiro partido da selección galega de fútbol. Queremos renderlle tributo con este coleccionábel e polo tanto aparece en dous números. Foi imposíbel condensar nun só número a historia da selección galega. É moi rica, sobre todo nos seus estadios iniciais. Moitas e moitos lembramos aquel retorno histórico en 2005 e toda a progresión da selección galega tan positiva até que chegou Alberto Núñez Feixoo á Xunta da Galiza en 2009 e cortou ese ilusionante proxecto.

Lembramos esa loita pola oficialidade que se remonta aos anos 70 e colleu pulo nos 90, e agora volta. Mesmo esta semana presentáronse sinaturas na Xunta neste sentido. Rescatamos os nomes e contamos cuns gráficos moi interesantes que fixo o deseñador Bruno Lopes, de Vía Galega. Sen a súa contribución sería imposíbel este traballo.

Tamén aparecen deportes que conseguiron competir oficialmente a nivel internacional...

É o caso do fútbol gaélico, o único deporte no que a Galiza compite oficial e internacionalmente. Contámolo no coleccionábel como o exemplo perfecto do que se pode facer cando nos dan a oportunidade e non contamos con paus nas rodas. 

Que papel xoga o deporte feminino no coleccionábel?

Un papel moi importante. Resaltamos moito a contribución das atletas, das deportistas galegas en xeral. Varios fascículos están centrados no deporte feminino e o peso que tivo no seu momento e ten na actualidade. As mulleres levan agora nos seus ombreiros o peso dos logros no deporte galego.

Que papel xogan as federacións de cara ao futuro?

Son básicas. Non somos conscientes do peso que teñen na actualidade. Están sometidas ás súas homólogas españolas mais poden impulsar o deporte galego e as seleccións aínda que sexan nas categorías de base.     

Comentarios