Manuel López Rodríguez: "Ser poeta consiste en escribir poesía, no meu caso implica o código a través do que vivo"

Vén de saír do prelo recentemente a obra Para que non me esqueza (Edicións Fervenza), Premio de Poesía Avelina Valadares. O seu autor, Manuel López Rodríguez, tamén recibirá esta sexta feira o Premio de Poesía Arume para a Infancia 2021 que concede a Asociación Neira Vilas. Escribe desde 1994 e, malia a súa xuventude, xa traballa recompilando toda a súa obra. 
O escritor noiés dedica varias horas diarias ao que considera a súa 'profesión'. (Foto: Andrea Fernández Maneiro)
photo_camera O escritor noiés dedica varias horas diarias ao que considera a súa 'profesión'. (Foto: Andrea Fernández Maneiro)

O público xa pode ter acceso ao seu libro Para que non me esqueza, Premio de Poesía Avelina Valladares. Que procura no diálogo que introduce con outras e outros poetas?

Ben. Para min o "que" é moito menos importante que o "como". Interésame máis, a día de hoxe, o "como está escrito" que o "que se conta". En realidade é un libro que trata da despersonalización que as relacións socioafectivas provocan sobre o individuo. Busquei, ao mesmo tempo, tecer, en efecto, un diálogo de maneira explícita, con escritores dos que gusto. Adoro ofrecer varias lecturas e interpretacións para os textos que escribo.

Leva moitos anos escribindo, afirma que desde que tiña 16. Lembra o momento en que a poesía entrou na súa vida?

Si. Perfectamente. Foi despois dunha clase de literatura no instituto. A profesora esmiuzounos un poema de Rubén Darío na clase e quedei collido. Nunca na miña vida lera poesía e foi toda unha sorpresa! Esa mesma noite escribín os meus dous primeiros poemas desde a xanela da morada dos meus pais, en Noia.

Hai moitos comezos e non tantas continuidades. Cal é a razón de que continuara escribindo?  

Iso xa é máis difícil de responder. Para min foi unha descuberta, e supoño que atopei nesta disciplina unha maneira de creatividade co que me sentín identificado. Fun mudando temas e formas, pero nunca máis o deixei. É máis: a poesía impregnou a miña vida de tal maneira que absolutamente todo xira arredor dela. É un prisma a través do cal mirar o mundo, 
unha obsesión. 

Ser poeta consiste en escribir poesía mais, no meu caso, implica asemade o código a través do que vivo, sinto, vexo, relaciónome coa xente... Supoño que ese pouso quedou en min desas primeirísimas lecturas do XIX. 

Hai autoras e autores que foxen das redes sociais, non é o seu caso. Mesmo conta cunha canle de Youtube. Que influencia teñen na súa vida? 

Na miña vida persoal pouca, mais á hora de promover o que fas son imprescindíbeis. Hai creadores que teñen a fortuna de ter ao seu dispor programas de televisión, radio, prensa escrita... Eu suplo esa carencia con Facebook, Youtube...

Por outro lado as redes sociais permítennos crear redes de colaboración que doutra maneira serían imposíbeis.

Formou parte do colectivo literario 'Sacou' de Noia. Que función teñen os colectivos literarios na Galiza actual?  

Formaba, si. 'Sacou' desapareceu aló polo 2003 ou 2004. Segue existindo a "marca identificativa" para os que alí estivemos. Sobre os colectivos literarios e faladoiros foron moi necesarios a finais dos 90 e supoño que tamén antes. Todo iso agora mudou. Supoño que, precisamente, as redes sociais colleron o relevo. Tamén é certo que dá a impresión de que actualmente hai "menos unidade de acción".

Ten falado de "traballo poético" con cinco horas diarias de dedicación. Cre que é posíbel vivir do "oficio" de poeta? 

Véxoo moi difícil, e menos na Galiza. É certo que nunca tanta poesía se leu, mais tamén é verdade que as lectoras e lectores seguen sendo testemuñais. O oficio lévanos a querer facer as cousas ben, a traballar arreo, a afondar nas formas e na experimentación, sen ter en conta quen nos poida ler ou quen poida mercar os nosos libros. Buscamos a perfección estética como seres humanos que somos; a arte por enriba da artesanía. 

Eu escollín esta "profesión" como moitos escolleron outra. En realidade non fago nada diferente ao que fixo Dickinson, Kerouac, Cezanne ou Van Gogh, por exemplo.

Comentarios