A memoria democrática bate contra o muro da Transición

A guerrilla contra o franquismo e a guerrilla contra a memoria deturpada

O coleccionábel de Nós Diario "As guerrillas galegas ao descuberto" permite un coñecemento histórico actualizado do fenómeno guerrilleiro. Mais queda unha pregunta por contestar: por que a resistencia ao franquismo non goza do mesmo recoñecemento que outros movementos antifascistas europeos?
Ficha elaborado pola Garda Civil sobre os guerrilleiros do grupo do 'Piloto'. (Arquivo Ramón Ermida)
photo_camera Ficha elaborado pola Garda Civil sobre os guerrilleiros do grupo do 'Piloto'. (Foto: Arquivo Ramón Ermida)

Os múltiples estudos e testemuños históricos sobre a guerrilla galega indican que foi un movemento de grandes proporcións, que loitou a prol dos valores democráticos contra a ameaza do fascismo, e que contou cun respaldo da poboación que soborda con moito o que as ideas herdadas da ditadura afirmaban. Anos de estudos históricos avalan esta visión e, non obstante, aqueles combatentes seguen sen obter o recoñecemento social de que gozan, por exemplo, a Resistencia francesa ou os partisanos da extinta Iugoslavia. Esquecidos, cando non desprezados, a súa lembranza descansa máis en movementos populares que no discurso oficial das institucións, ás que ás veces hai que “obrigar” a recoñecer o seu papel histórico. 

“A diferenza fundamental entre a resistencia galega e as que se deron no resto de Europa contra o totalitarismo é que estes gañaron a guerra e que aquí a resistencia foi derrotada, e iso marca toda a visión posterior que existe sobre ela”, explica Xosé Ramón Ermida, autor de diversas investigacións sobre a represión franquista. 

 A esa derrota hai que engadir un discurso creado pola propaganda franquista que calou en moitos sectores da sociedade. “Unha das cousas que conseguiu o franquismo foi un control da memoria case absoluto", explica Ana Cabana, historiadora e profesora da Universidade de Compostela. "Desde que acabou a ditadura hai que remar constantemente contra unha memoria social absolutamente acosada polas mensaxes franquistas que envilecían os guerrilleiros comparándoos con delincuentes comúns. A linguaxe da ditadura triunfou en moitos ámbitos e, igual que aínda escoitamos falar da ‘cruzada’ ou dos ‘roxos’, tamén temos unha memoria histórica moi pervertida por esa linguaxe”.

A guerrilla continuou representando a lexitimidade republicana, a que recolleu o sentir das persoas represaliadas e a necesidade de facer xustiza verbo dos verdugos

Despois da ditadura

A fin da ditadura, porén, non trouxo o enaltecemento dos que loitaron polos valores democráticos. Pasaron anos até que os movementos de recuperación da memoria lograron ter altofalantes na opinión pública. E tardaron moito máis en ter unha tímida resposta dunhas institucións que non fixeron grandes esforzos por desmentir o relato histórico franquista. 

Dionisio Pereira, economista e historiador, ofrece unha das chaves para comprender este esquecemento: "A guerrilla continuou representando a lexitimidade republicana, a que recolleu o sentir das persoas represaliadas e a necesidade de facer xustiza verbo dos verdugos. E esa lexitimidade republicana, como sabemos, non foi recoñecida no pacto da transición. A guerrilla, nese sentido, sempre foi moi incómoda e segue séndoo".

Eliseo Fernández, historiador e coordinador de As guerrillas galegas ao descuberto, incide no feito de que "a Transición, tal e como se fixo, impediu que se levase a cabo unha ruptura que propiciase unha valoración negativa da ditadura. Claro, na medida en que esa valoración negativa aínda está en cuestión para algúns sectores da sociedade, mesmo de destacados representantes políticos, resulta difícil que haxa unha visión obxectiva sobre a guerrilla. Non houbo pedagoxía sobre o que significou o franquismo e sobre como se encadraba dentro dos réximes totalitarios da década de 1930". 

“A guerrilla representa unha memoria incómoda”, acrecenta Ermida, “porque representa o conflito e impugna o discurso oficial respecto de que a ditadura foi o resultado dun certo consenso social, ou que, polo menos, foi unha realidade non conflitiva”. 
Isto provoca que sexan os movementos populares os que case sempre leven a iniciativa na recuperación da memoria democrática. "Iso ocorre coa guerrilla e co esclarecemento da represión, coa necesidade de poñerlles nome e apelidos aos vitimarios", aclara Pereira. "Tristemente, as institucións sempre foron a remolque da sociedade civil no recoñecemento da represión e da necesidade de que unha sociedade democrática non poda vivir permanentemente na impunidade". 

"Cando nin sequera os partidos de esquerda como o PSOE asumen esa tarefa de dignificar as persoas que combateron a ditadura, só queda a iniciativa popular, que é a que está conseguindo certos avances", apostila Fernández.

A loita guerrilleira demostra que a Galiza nin foi un territorio afín ao franquismo nin estivo completamente controlado até 1951,

O mito da Galiza sumisa

“Existe outro elemento que ten moita importancia”, engade Ermida, “a existencia da guerrilla desmente o relato sobre a suposta submisión da Galiza. A loita guerrilleira demostra que a Galiza nin foi un territorio afín ao franquismo nin estivo completamente controlado até 1951, e que só co uso indiscriminado da violencia, puido dominar o país. A guerrilla non estaba formada só polas persoas que empuñaban as armas, senón que foi un movemento moi amplo que se mantivo cunha ampla rede de enlaces e complicidades coa sociedade civil”. 

“Desde a historiografía investigouse e publicouse moito sobre este tema”, di Cabana, “demostrando a amplitude da resistencia na Galiza. Pero o peso do relato franquista na memoria social segue distorsionando a recepción destes achados. Os estudos históricos teñen o público que teñen e a rexeneración da memoria democrática precisa que o contradiscurso veña de todos os ámbitos: a ficción, o audiovisual, a prensa, os movementos cidadáns...”.

"A guerrilla galega demostra que había unha gran parte da poboación contraria ao franquismo que resistiu", di Fernández. "E esa resistencia perdurou na memoria: probabelmente tamén explica que cidades como Vigo ou Ferrol fosen puntas de lanza no movemento obreiro da década de 1970".

O debate pendente sobre a loita armada

 "Eu noto que hai unha cidadanía moi interesada en escoitar o que temos que dicir os historiadores", apunta Ana Cabana. "Creo que na sociedade si que existe unha enorme curiosidade por saber o que sucedeu e que pode cambiar a visión que se ten da guerrilla no futuro". 

Dionisio Pereira móstrase máis escéptico: "A min alegraríame moito que así fose pero o tema da guerrilla está moi unido ao da loita armada, e na historia recente do Estado español, a existencia de ETA -e doutros grupos que a practicaron en maior ou menor medida- condicionou moito a forma de ver a guerrilla e, dalgunha maneira, atrasou o recoñecemento daquelas persoas ás que non se lles deixou outra saída que a de defenderse coas armas. Hai pendente un debate sobre este tema na sociedade". 

Comentarios