As guerrillas galegas ao descuberto

Ana Cabana: “Os custes de ter exercido como enlace foron altísimos”

Ana Cabana (Castro de Rei, 1976) é profesora da Universidade de Compostela e unha das autoras que desde o ámbito académico se ten achegado ao estudo da guerrilla. Membro do grupo de investigación Histagra, nesta conversa achégase a algúns dos aspectos da guerrilla de chan que desenvolve esta quinta feira en Nós Diario.

Ana Cabana
photo_camera Ana Cabana Iglesia. (Foto: Andrea Rivas).

Significa no seu traballo a escasa historiografía existente sobre a loita guerrilleira, que explicación lle dá a iso?

A obra de referencia, á que necesariamente toda persoa que teña interese por saber sobre a guerrilla na Galiza ten que acudir, é o traballo de Hartmut Heine, Guerrilla antifranquista en Galicia, un libro publicado en 1982. Esa data resulta de por si suficientemente clarificadora. Cando realizaba esa aseveración estaba pensado nese ermo historiográfico, porque en case 40 anos non se fixo ningunha outra publicación equiparábel no senso de tratar de ofrecer unha visión xeral e de conxunto sobre o movemento guerrilleiro. Faltan monografías que actualizaran a análise da guerrilla en termos políticos que realizou Heine e investigacións que tiveran a intención de examinar o fenómeno dunha maneira holística e integral, que buscaran superar a visión da guerrilla nesa súa vertente política máis clásica. Cumprirían obras cunha mirada innovadora que permitiran encaixar a loita antifranquista no marco dos estudos dos movementos de resistencia europeos e que foran quen de incluír a perspectiva de xénero e os avances que dende finais dos anos noventa se teñen realizado en campos do estudo como o das actitudes sociais ante o franquismo e en temáticas como a natureza violenta do réxime.

Para o caso galego tense avanzado en aspectos concretos, como o estudo individualizado de determinadas figuras senlleiras do movemento guerrilleiro, no que se inclúen os pasos dados tamén para visibilizar a presenza de mulleres guerrilleiras, ou en asuntos relativos á memoria da guerrilla. En boa medida, ese aporte á historia do movemento guerrilleiro débese o gran labor de historiadores que teñen o ámbito local como contexto de investigación e que puideron consultar moita documentación e recuperar os testemuños de guerrilleiros que sobreviviron ao franquismo. Pero falta moito por saber do movemento guerrilleiro. E non me refiro tanto a sumar información concreta sobre guerrilleiros, que tamén, senón, sobre todo, a analizar a súa pegada en múltiples planos. Existe unha ampla marxe para a comparanza da realidade galega coa doutros casos dentro do Estado español. Recordamos que xunto á Federación Guerrilleira de León-Galiza houbo outras grandes agrupacións guerrilleiras diseminadas pola xeografía española, ademais de  partidas que nunca se integraron nestes colectivos.

E o mesmo cabe dicir sobre asuntos como a construción social de mitos arredor de protagonistas concretos da loita guerrilleira, que serviu para atacar a ditadura mediante prácticas simbólicas e que convive co esquecemento que pesa sobre outros  membros da guerrilla, ou sobre o impacto que tivo a súa decisión de oporse polas armas contra a ditadura nas vidas e nas memorias dos seus descendentes ou sobre o rol do xénero nas partidas, que vai moito máis alá da presenza de guerrilleiras. E iso só por citar unhas cantas perspectivas de análise, porque habería máis, entre elas, e xa levando a auga ao meu muiño, o estudo da chamada “guerrilla do chan”, da rede de enlaces coa que contou o movemento guerrilleiro na Galiza, cuxa investigación simplemente temos encetado. Por todo isto coido que a guerrilla está chamada a ser un tema presente en futuras investigacións tanto académicas como en obras divulgativas, igual que a seguir presente en diferentes produtos culturais.

"A existencia da guerrilla e o seu mantemento só se explica polo soporte que recibiu da sociedade"

Ninguén cuestiona que a guerrilla foi posíbel pola existencia dunha tupida rede de enlaces, que características presenta na Galiza?

Certamente, a existencia da guerrilla e o seu mantemento no tempo só se explica polo soporte que recibiu da sociedade. Conste que isto non equivale a asegurar que as partidas nunca impuxeran a súa presenza empregando a violencia ou o medo que xeraban, porque o fixeron cando o sentiron necesario ou conveniente. Tampouco debemos caer na afirmación contraria e asegurar categoricamente que a axuda viña dada porque a totalidade ou mesmo a maior parte da sociedade galega compartía con estes “inimigos da patria”, como os conceptuaba o réxime franquista, as súas ideoloxías políticas, o sentimento de antifranquismo ou a confianza en que a loita da guerrilla fora quen de ter éxito e derrocar o sistema imposto polos golpistas do 36.

A guerrilla do chan na Galiza caracterízase pola súa diversidade, é dicir, non hai un “perfil” de enlace definido, xa que os guerrilleiros demandaban colaboracións en múltiples eidos, dende casas para pasar temporadas máis ou menos longas, ata contribucións económicas, pasando polo aprovisionamento daqueles artigos precisos para cubrir as súas necesidades cotiás ou específicas para manter a loita armada. A isto hai que sumar que esta cooperación ás veces non requiría de características específicas por parte do enlace, pero outras veces si (médicos, mecánicos, etc.). Así as cousas, as redes de enlaces dun guerrilleiro ou dunha partida eran máis seguras canto máis heteroxéneos foran os enlaces que as conformaban en idades, dedicacións e capacidades e lugares de residencia.

E dentro desa diversidade a que aludo, está tamén a de ideoloxías porque entre os enlaces había persoas conceptuadas como xente de orde polo Réxime, xente que era “de dereitas de toda a vida” e mesmo se atopan algunhas autoridades franquistas que colaboraron puntualmente ou de maneira cotiá coa guerrilla que, por suposto, eran os menos, as excepcións dentro das redes de enlaces.

Unha característica esperábel da guerrilla do chan é a referente altísimas taxas de persoas do rural. Isto ten sentido tanto porque a Galiza dos anos 30 e 50 do século XX é un país eminentemente rural, como porque os propios guerrilleiros tiñan esa procedencia e as primeiras redes de apoio son sempre as que ofrecen familiares, veciñanza e amizades, polo que é lóxico que os enlaces sexan dos mesmos concellos que os guerrilleiros ou da contorna próxima.

"As redes de enlaces dun guerrilleiro ou dunha partida eran máis seguras canto máis heteroxéneos foran os enlaces"

É obvio que foi moito maior o número de enlaces que de guerrilleiros e tamén cunha parte destes foron primeiro enlaces, en todo caso de que número enlaces podemos falar para Galiza?

Hoxe por hoxe, coas fontes que contamos é absolutamente imposible dar cifras, pero coido que ese tampouco é o obxectivo que debe perseguir a investigación sobre a guerrilla do chan. En primeiro lugar, para pór en números esa colaboración social, tería que perfilarse que consideramos enlace. Poderiamos pensar en definilo como un apoio estábel, pero iso deixaría fora a persoas que ofreceron axudas puntuais mais decisivas para o sostemento da guerrilla e da súa actividade, polo que acoutar o termo non é tan doado nin sinxelo. En segundo lugar, a información coa que contamos, como apuntaba, provén de dúas vías principais, por un lado da fonte oral, que en certos casos é difícil contrastar e sempre convive co esquecemento e coa terxiversación dos recordos, polo tanto non está libre de eivas. E polo outro lado estaría a información que ofrecen a documentación xudicial e a oficial, nas que se reflicte o parecer das autoridades civís e militares e saca á luz só aquelas redes de enlaces ou apoios concretos que eran perseguidas ou que caeron non as máis que lograron manterse no anonimato. É máis, nesa documentación pode inculparse a persoas que non tiñan relación coa guerrilla de tela mantido.

Eu creo que a historia da guerrilla do chan, a diferenza do que sería óptimo para a da guerrilla armada, non pasa por computar o número de membros, pasa,  non obstante, por entender as lóxicas do seu apoio, por percibir as redes que se conformaron e por rescatar a súa memoria sacando do esquecemento a súa existencia e o valor da súa acción, que se debe inscribir dentro da historia da loita antifascista europea, e, por suposto, incorporar no relato da violencia franquista a represión sufrida polos seus membros por ter sido soporte do que foi a única acción a única ameaza real á construción da ditadura durante a posguerra.

Destaca o importante número de mulleres que actuaron como enlaces, cal é a súa explicación para isto?

Si, como comentaba, tanto na memoria oral, como na documentación que se pode consultar para tratar de reconstruír e coñecer as redes de enlaces das diferentes partidas ou guerrilleiros, das que as causas militares e os informes de Gobernación civil son dos máis útiles, destaca o número de mulleres acusadas, procesadas e represaliadas pola súa colaboración coa guerrilla. Aparecen mulleres de todas as idades, incluíndo nenas pequenas, moi utilizadas para realizar pequenos mandados. Debemos ter en conta que na altura as crianzas tiñan unha mobilidade considerable por fóra das súas vivendas e que era  habitual que se encargaran de determinadas tarefas agrarias, o que facía tanto dos nenos como das nenas enlaces de grande conveniencia, malia ao risco de que puideran, sen querer, dar información sobre as partidas e sobre outros enlaces ás autoridades. Nas redes tamén aparecen mulleres  anciás, que acostuman ser as donas das casas nas que se esconden. A nenez e a vellez funcionaban como máscaras detrás das que escondían a súas accións e ás que podían acollerse como eximente en caso de ser acusadas de prestar axuda á guerrilla.

As mulleres que foron enlaces da guerrilla galega son tanto solteiras como casadas ou viúvas, polo tanto o seu estado civil, igual que no caso da idade, non tiña transcendencia. Elas teñen diferentes graos de relación cos guerrilleiros, é usual que sexan parentes, tamén hai moitas noivas ou parellas e familiares directas destas e tamén parentela feminina de enlaces varóns.

En todo caso, cómpre dicir que o trato que recibiron por ser mulleres, en caso de intuír as autoridades que eran apoios ou por ser descuberta a rede de enlaces, era absolutamente vexatorio á hora de ser tratadas por gardas civís, falanxistas ou diante dos tribunais, que as despolitizaban, aldraxaban e violentaban de maneira frecuente, valéndose de violencia física e verbal. Ese maltrato, nalgúns casos reiterado, levou a algunha delas a deixar de ser enlace e unirse ás partidas, nalgún caso como guerrilleiras, noutros colaborando facéndose cargo de tarefas que terían levado a cabo nas súas casas.

A razón de que haxa tantas mulleres na guerrilla do chan está relacionada co que acabo de dicir das labores das que se encargan: os guerrilleiros, normalmente un grupo de varóns, demandan da rede de enlaces axuda en múltiples tarefas e, entre estas, están aquelas que na altura se entendían como “propias de mulleres”, de aí que o recurso á axuda feminina fora continuado.

Outra razón ten que ver con aproveitar os estereotipos que sobre as mulleres, e todo o relacionado co feminino, tiña o réxime, que estaba máis que disposto a non crer nas capacidades das mulleres de ser suxeitos políticos activos, nin acreditar no seu compromiso cívico, polo que, de partida, era máis permisivo no seu control e máis tendentes as autoridades en acreditar as súas escusas e argumentos se se baseaban na ignorancia e na incompetencia. Iso si, o de sacar partido aos estereotipos de xénero tiña valía ata que ditas autoridades tiñan indicios ou probas da súa condición de enlaces, despois, como xa sinalei, resultaban implacábeis na instigación e represión de ditas mulleres.

"Moitos enlaces morreron a causa de selo, directamente asasinados ou en tiroteos"

Os enlaces non escaparon á dura represión sobre o movemento guerrilleiro, cal foi o seu alcance?

Certamente, non foron inmunes a violencia despregada polo réxime e entre os enlaces é posíbel observar a incidencia de todo o abano possíbel de fórmulas de represión exercidas polo franquismo sobre a cidadanía, tanto a física como a económica ou a simbólica e tamén unha represión sexuada, é dicir, pensada para escarnio específico das mulleres e da feminidade. Moitos enlaces morreron a causa de selo, directamente asasinados ou en tiroteos entre guerrilleiros e contrapartidas ou gardas civís. Moitos enfrontáronse a cativerios en prisións e campos de concentración tras ser condenados por axuda á rebelión. Outros perderon canto ben material tiñan, viron as súas vivendas arrasadas polo lume en accións pensadas para obrigar a saír aos guerrilleiros ou sufriron unha mingua moi substancial dos seus capitais por mor das multas reiteradas e gravosas. Moitos sufriron unha violencia física e psíquica case crónica, medébel nos continuados rexistros das súas vivendas e no escrutinio das súas vidas, nas malleiras, nas ameazas contra eles e as súas familias e nas visitas ao cuartel da Garda Civil. Para outros só quedou o exilio, unhas vidas truncadas lonxe dos seus e do seu país porque non aturaron o nivel de violencia e de medo. Os custes de ter exercido como enlace da guerrilla antifranquista, de ter sido descuberto, foron altísimos, á altura do que acontecía cos guerrilleiros.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios