'As guerrillas galegas ao descuberto'

Bernardo Máiz, historiador: “A primeira oposición real ao franquismo na Galiza foi a guerrilla”

Bernardo Máiz (O Seixo-Mugardos, 1950) é un pioneiros nos estudos sobre a represión franquista e a guerrilla na Galiza. Autor de múltiples traballos desde o comezos dos anos 80, signifícase por unha ampla bibliografía que o convirte nunha referencia inescusábel nas investigacións da guerrilla. A cuarta e a quinta feira escribe en Nós Diario sobre a relación entre o PC e a resistencia armada.
maiz
photo_camera Bernardo Máiz. Foto:Nós Diario

Que papel xogou o PC nos primeiros momentos da resistencia armada no proceso de organización dos fuxidos?

A hexemonía na guerrilla antifranquista  na Galiza do Partido Comunista, que en xullo de 1936 estaba nun proceso de notábel crecemento, baseouse en varios factores. En primeiro lugar, por estar afeito a unha forzada clandestinidade pois, fundado en 1921, só puidera actuar nunha relativa legalizade até 1923 e dende 1931. En segundo lugar, por funcionar seguindo o modelo leninista de partido. En terceiro lugar, pola grande disciplina da súa militancia. “Onde hai un comunista aí está o partido”, con presenza activa en sindicatos, sociedades agrarias, comités varios. Ao PC  dáballe prestixio á URSS “patria da revolución e do socialismo”; precisamente, é  significativo que denominaran “Tchapaiev” a unha das primeiras organizacións de resistencia, nome este dun xefe militar bolxevique protagonista dunha película rusa de 1934, proxectada con gran éxito en Viveiro, Lugo, Ferrol, Vigo...

"A vitoria soviética sobre os alemáns en Stalingrado animou aos resistentes todos e deu maior creto aos comunistas"

Cando xorden as primeiras estruturas guerrilleiras impulsadas pola militancia comunista?

A organización política mellor preparada estruturalmente para sobrevivir á sublevación militar-fascista de xullo de 1936, á malleira inmediata, resistir e rexurdir era o PC, e cadra que alí onde o PC tiña presenza destacada en 1936 (Viveiro, Ferrolterra, Valdeorras, ...) a guerrilla actuou temperá e acadou  forza. Agora ben, nas perigosas circunstancias dos primeiros tempos os comunistas mantiñan unha actitude absolutamente unitaria coas demais forzas que constituíran a Fronte Popular ,e, illados do exterior, antes de 1939, en 1940 e 1941 houbo intentos de reconstrución orgánica, con dificultades, caídas, erros de interpretación. A vitoria soviética sobre os alemáns en Stalingrado animou aos resistentes todos e deu maior creto aos comunistas, que no exilio controlaban a Unión Nacional Española (UNE), enviando a Galiza delegados para reorganizar o Partido-UNE e incidir na oposición armada. Neste eido, en 1943 a Federación galaico-leonesa entrou na UNE, en 1944 deron constituído comités provinciais do PC e un comité rexional que rexía e enlazaba grupos e o PC de Lugo armou un Comité de Guerrillas.

Que representou para a actividade guerrilleira a chegada de cadros do PC enviados desde o exterior?

En outubro de 1944 o PC infiltrou cadros formados no exército republicano e no “maquis” francés, dese xeito comeza a fase político-militar da guerrilla galega. En 1945 e 1946 chegaron do exterior militantes moi cualificados na loita armada, formación política e propaganda, é destacábel que Gómez Gayoso fora comisario político no exercito popular da República e director en Madrid de Nueva Galicias ou que Souto combatera en Rusia como partisano detrás das liñas alemás. Asemade, foron quen de montar un aparato de propaganda e  de manter abertos os enlaces co exterior, nomeadamente con Madrid e Francia, onde desde 1945 estaba o “politburó” do PC.

"A denominación “exército” representa  un chanzo superior á de guerrilla,  ten un efecto propagandístico, de prestixio e de respectabilidade"

A que respondeu a creación do Exército Guerrilleiro da Galiza, unha estrutura político militar baixo a dirección e orientación do PC?

A denominación “Exército” representa  un chanzo superior á de guerrilla,  ten un efecto propagandístico, de prestixio, de respectabilidade, pois enlaza cos semellantes soviético e republicano;  por tal, en 1946 Manuel Ponte escribe de igual a igual a un comandante franquista. O esquema de Agrupacións, Destacamentos, a existencia paralela de mandos militares e políticos e algúns elementos de uniformidade reforzan esta apreciación. As unidades deste  exército  fixeron medrar espectacularmente o número de accións político-militares da guerrilla, chegando preocupar as autoridades franquistas. Como destaquei noutras ocasións, en 1947, 1948, ... semellaba que os xerarcas locais do réxime franquista padecían unha epidemia. Tamén é importante a moita propaganda que deu publicidade e uniu máis partido e guerrilla.

Que factores resultaron decisivos no declive da actividade guerrilleira e como foi o debate no PC para abandonar esta forma de loita?

O declive e fin da loita armada antifranquista ten varios fíos condutores, algúns indisociábeis. Partimos de que nos anos corenta a única oposición real e incisiva ao franquismo na Galiza foi a guerrilla e quen a sostiña, e de que a pouco do remate da Guerra Mundial comezou a guerra fría, a política de bloques. Así, Estados Unidos vaille outorgando a Franco unha respectabilidade como “baluarte anticomunista”. En paralelo, Stalin suxire en 1948 ao politburó do PCE cambiar de táctica, desmontar a guerrilla, infiltrarse nas institucións. Con leis duras e accións de guerra sucia, o  réxime franquista envorca grandes medios policiais (torturas, “paseos”, contrapartidas, execucións, subornos, infiltracións, deportacións...) contra a guerrilla-PC, eliminando no verán-outono de 1948 á dirección das dúas, que eran unha, Gayoso e Seoane, polo que o cambio de táctica non foi adiante e a guerrilla, mal dirixida e comesta pola represión policial, enquistouse nunha desaxeitada espiral de accións, depuracións de disidentes, perda de combatentes e esotamento. A epopea da guerrilla antifranquista galega organizada concluíu en 1949-1950, mais o PC rexurdiu no movemento sindical no paso á década dos sesenta, para converterse partido por antonomasia da oposición a Franco.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios