A Galiza sitúase como referente do muralismo: obras de Fene, Nigrán e Lugo impóñense como as mellores do mundo

A obra gañadora, do artista Sfhir, cobra vida ao interactuar co día a día da veciñanza.

Murais de Sfhir, Lula Goce e Yoe 33 foron escollidos como os mellores do mundo. (Foto: Street Art Cities)
photo_camera Murais de Sfhir, Lula Goce e Yoe 33 foron escollidos como os mellores do mundo. (Foto: Street Art Cities)

A Galiza vén de consolidarse como referente mundial no muralismo urbano. Unha tradición na que Carballo (Bergantiños) foi pioneira en 2014 coa creación do proxecto ‘Derrubando muros con pintura’ e que se espallou, a partir de 2015, a través dun festival: o Rexenera Fest. A receita bergantiñá proxectou novas canles de expresión da arte urbana presentes en Carballo aproveitando os espazos que deixou dispoñíbeis o deseño urbanístico.

Como o Rexenera Fest, moitos outros festivais de cultura urbana encheron vilas da Galiza da que vén de ser certificada como a mellor do mundo. E é que a prestixiosa plataforma de arte urbana Street Art Cities escolleu como mellores murais do ano 2023 en todo o mundo tres situados na Galiza, en Fene (Ferrolterra), Nigrán (comarca de Vigo) e Lugo. Os tres impuxéronse na votación popular entre 50 obras distribuídas por todo o mundo (Arxentina, Brasil, Francia, Chile, Italia…).

Concretamente, o mellor mural do mundo do ano 2023 foi obra do artista Sfhir realizado na primeira edición do Perla Mural Fest, que decorreu en agosto de 2023 para homenaxear a desaparecida Sala Perla e a tradición musical da localidade.

A pintura ocupa a superficie dun edificio de nove pisos na rúa da Fraga. A estrutura do edificio forma parte do mural, dado que o artista integrou o pozo de luz do edificio como parte do violoncelo. Desta forma, cando os veciños e as veciñas acenden as luces a pintura cobra vida.

Dona do Esteiro

O segundo mellor mural do mundo do ano 2023 está en Nigrán. Concretamente na Ramallosa e é obra da artista miñorana Lula Goce. A desbordante beleza da Dona do Esteiro resultou finalmente subcampioa.

A obra da artista baionesa, situada nunha medianeira de 250 metros cadrados entre as rúas Argonautas e Romana Baixa, mostra un rostro feminino adornado con motivos vexetais e mariños, acompañado doutros elementos naturais.

Neste mural, por primeira vez a artista empregou a intelixencia artificial para xerar o rostro da muller retratada, a partir dunha mestura de imaxes de Penélope Cruz e outras caras femininas elixidas aleatoriamente. Con todo, a pintura está dedicada a unha muller moi concreta, Lourdes Goce, nai de Lula, "pola súa tenacidade, forza e capacidade para superar todos os obstáculos que a vida pon".

Copora

Finalmente, o terceiro posto foi para a obra do artista lucense Manuel Pallín Yoe (Yoe 33), que xa foi galardoado como o mellor do mes de xuño nunha votación da mesma plataforma. Copora, coñecido como 'A Castrexa', representa unha muller da tribo dos coporos. Para a figuración o artista tomou como referencia o museo provincial de Lugo.

Este retrato situado na Rolda da Muralla número 156 non é o único galardoado das rúas lucenses. A primeira edición do premio de 'Street Art Cities' foi no 2021 e foi outorgado a Diego As por un mural de 20 metros de Julio César, situado tamén canda a muralla de Lugo

Comentarios