O Concello de Compostela aproba a protección do mural de Urbano Lugrís

Foi o último creado polo pintor na capital e atópase nun local do Franco
Local de hostalaría situado na rúa do Franco no que se atopa o mural de Lugrís que protexerá o Concello. (Foto: Google Maps)
photo_camera Local de hostalaría situado na rúa do Franco no que se atopa o mural de Lugrís que protexerá o Concello. (Foto: Google Maps)

A Xunta de Goberno do Concello de Compostela acordou esta segunda feira a aprobación inicial da modificación puntual do catálogo do Plan especial de protección e rehabilitación da cidade histórica coa meta de garantir a protección in situ do mural pintado polo afamado artista galego Urbano Lugrís no edificio situado na rúa do Franco para o Bar América

Este mural é o derradeiro creado polo pintor na capital do país e aínda se conserva na súa localización orixinal. Dos que existían na cidade perdéronse os do Hotel Compostela, os do bar Lugo e foron separados da parede os da Clínica Álvarez. Na actualidade, estes murais atópanse espallados en coleccións públicas e privadas.

Este acordo implica a suspensión do procedemento de outorgamento de licenzas de edificación, parcelación e derruba no ámbito do inmóbel que poidan ser incompatíbeis ou contrarias ás novas determinacións da modificación inicialmente aprobada.

Premio Xohana Torres 

A Xunta de Goberno local tamén acordou a aprobación do texto do convenio de colaboración entre o Concello e a Universidade de Santiago de Compostela, relativo á tramitación, concesión e publicación do premio de ensaio, investigación e creación audiovisual Xohana Torres, na súa edición de 2023.

O certame foi instituído pola Concellaría da Muller do Concello de Compostela no ano 1993 co obxectivo de contribuír ao coñecemento sobre as mulleres que destacaron nalgún eido, tanto na actualidade como no pasado, no país e que xogaron un papel relevante na sociedade galega. 

A entrega de premios ás obras gañadoras da última edición do galardón decorrerá o vindeiro 8 de marzo en Compostela. 

Comentarios