Libros, camelias, gastronomía e música para o Día de Rosalía

A Deputación de Pontevedra realizará os actos institucionais os días 23 e 24 de febreiro nas súas sedes de Pontevedra e Vigo
Presentación das actividades do Día de Rosalía (Foto: Deputación de Pontevedra).
photo_camera Presentación das actividades do Día de Rosalía (Foto: Deputación de Pontevedra).

A Deputación de Pontevedra súmase á celebración do Día de Rosalía cunha dobre xornada propia, os días 23 e 24 de febreiro nas sedes coas que conta en Pontevedra e Vigo. Este ano a celebración desta conmemoración adiántase ao 23 de febreiro, data acordada pola Fundación Rosalía e as principais institucións implicadas, tras basearse nos resultados do traballo do investigadora Sagrario Abilleira, no que se acredita que este foi o día de nacemento da autora.

Co obxectivo de achegar a figura da poeta ao público máis novo, a Deputación pon en marcha unha nova edición do concurso para centros educativos 'A nosa Rosalía', que este ano adopta o formato musical, no que cada aula ou grupo do colexio poderá presentar un vídeo breve coa súa proposta de poema de Rosalía musicado.

Este poderá ir acompañado dunha coreografía, un baile, un movemento ou calquera tipo de complemento.

Esta convocatoria está dirixida a todo o alumnado dos centros de educación primaria das comarcas de Pontevedra, que poderán participar de maneira colectiva (por aulas ou grupos e sen límite por centro educativo). Haberá dúas categorías neste concurso: Campaíñas: 1º, 2º e 3º de primaria (de 6 a 9 anos) e Airiños: 4º, 5º e 6º de primaria (de 9 a 12 anos).

O prazo de presentación das propostas remata o día 17 de febreiro. Os grupos premiados anunciaranse no transcurso dos actos que a Deputación de Pontevedra realizará con motivo do Día de Rosalía o 23 de febreiro no pazo provincial en Pontevedra e o 24 na sede da Deputación en Vigo. 

Libros, música e Caldo de Gloria

A música tamén será protagonista coa actuación do cuarteto belga de pandeireteiras Ialma. Ademais, o público recibirá como obsequio exemplares da camelia, 'Rosalía de Castro' que forma parte do Xardín de Camelias con Nome de Muller do Castelo de Soutomaior.

Na lectura do tradicional manifesto, este ano escrito por Beatriz Maceda, participarán Míriam Ferradáns en Pontevedra e Marta Dacosta en Vigo. Ademais, seguindo a chamada da AELG desde 2010, todas as persoas que participen nos actos de Pontevedra e Vigo levarán un libro en galego, neste caso da Colección Medal do servizo editorial desta institución.

Comentarios