Teatro, exposicións e murais lembrarán Rosalía nas comarcas de Lugo

A Deputación de Lugo oferta actividades aos concellos e entidades con motivo do Día de Rosalía de Castro.
Maite Ferreiro, no centro, xunto a Encarna Lago e Aurelia Balseiro, xerente da Rede Museística e directora do Museo de Lugo (Foto: Deputación de Lugo).
photo_camera Maite Ferreiro, no centro, xunto a Encarna Lago e Aurelia Balseiro, xerente da Rede Museística e directora do Museo de Lugo (Foto: Deputación de Lugo).

A área de Cultura da Deputación de Lugo ofrecerá a concellos, asociacións e centros educativos un catálogo de actividades dentro da programación arredor do Día de Rosalía, que se celebra o 23 de febreiro logo do recente descubrimento por parte da investigadora Sagrario Abelleira e que corrixiu a data de nacemento da autora.

Desta vez haberá representacións teatrais, intervencións artísticas e exposicións, que se sumarán á oferta didáctica dos museos da Rede Museística Provincial.

Exposición e agasallo nos museos da Deputación

O 23 de febreiro inaugurarase na praza de San Marcos a exposición 'A Casa de Galicia. 50 anos da Casa de Rosalía', unha mostra promovida pola Fundación Rosalía de Castro e comisariada por Pepe Barro que recolle a historia dun logro colectivo como foi a musealización da Casa da Matanza, en Padrón.

A mostra permanecerá en San Marcos durante tres semanas e, a finais de marzo, iniciará unha itinerancia que a levará a outras sete localidades.

Ese mesmo día os museos da Rede -o Museo de Lugo, o Museo do Mar de San Cibrao, o Pazo de Tor e o Fortaleza de San Paio de Narla- agasallarán as visitas cun caravel e unha reprodución dun gravado de Antonio Mourín, cun deseño inspirado no poema Quixente tanto, neniña de Cantares Galegos. Alén diso, os museos acollerán obradoiros entre o 19 e o 26 de febreiro. O día 23 realizarán unha lectura conxunta virtual da obra de Rosalía de Castro a partir das 12 horas. 

Murais e colaboración da Deputación coa AELG

O muralismo terá un ano máis  o seu lugar nesta programación cultural. Rubén Paz, Ana Santiso e Pablo Lage, coñecido como Van Kraft, realizarán murais homenaxe á autora en distintos espazos públicos, atendendo ás peticións de concellos, asociacións e centros escolares.

En total, realizaranse nove intervencións artísticas. A Vicepresidencia da Deputación sumarase tamén aos actos organizados pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) o día 23 de febreiro no parque de Rosalía de Lugo (12 horas) cunha ofrenda floral, a lectura do manifesto Sementando pensamentos e unha lectura pública de poemas e textos de Rosalía de Castro.

Comentarios