A AELG destaca o papel do profesorado na difusión da obra de Rosalía

Cesáreo Sánchez, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), afirma que Rosalía contribúe coa súa palabra a fomentar entre a xente nova o amor á nosa lingua.
Homenaxe a Rosalía este sábado no Panteón de Galegos Ilustres (Foto: AELG)
photo_camera Homenaxe a Rosalía este sábado no Panteón de Galegos Ilustres (Foto: AELG)

Este sábado, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) rendeu homenaxe á figura de Rosalía de Castro coa lectura dun manifesto elaborado por Beatriz Maceda e cunha ofrenda floral ante a súa tumba no Panteón de Galegos Ilustres, no convento de San Domingos de Bonaval, en Compostela.

No acto, ao que asistiron representantes da corporación municipal de Compostela, da Deputación da Coruña, da Xunta da Galiza, do Parlamento galego, da Fundacion Rosalía de Castro, do Consello da Cultura, da Real Academia Galega e da agrupación cultural o Galo, Cesáreo Sánchez, presidente da AELG, destacou a figura da escritora de Padrón, unha muller “que alargou até o infinito o campo da literatura e da cultura galegas e, con el, as aspiracións a un outro papel histórico para a súa lingua e a súa patria, Galiza”.

Após 11 anos celebrando o nacemento de Rosalía, un 23 de febreiro de 1837, Sánchez puxo en valor o camiño percorrido pola sociedade galega e "o inxente e ilusionado traballo do profesorado no seu conxunto, na difusión do coñecemento da súa obra".

Una obra, destacou, “necesaria para as xeracións máis novas, pois eles e elas son a esperanza de que a obra de Rosalía siga a vivir, sendo a sementeira de pensamento liberador nas novas xeracións". "Contribuímos así coa súa palabra o fomento neles e nelas ao amor á nosa lingua, a que nos explica e nos leva a comprender a nosa identidade cultural", abundou. 

Nesta mesma liña, o presidente da AELG indicou que a obra de Rosalía “é alicerce que alimenta o pensamento, a súa obra é fonte de coñecemento, axúdanos a saber ler na palma da man do noso tempo para que non asumamos, ás veces sen saber, discursos hexemónicos nos que subxace o racismo e o sexismo. Rosalía dános ferramentas para denunciar a homofobia, a transfobia. A súa é una obra clarificadora para que saibamos ver e nos alonxar das lóxicas de dominación do patriarcado, intanxíbeis e infinitamente crueis. Para que defendamos  os dereitos de todas as desposuídas e silenciadas”.

Espazo laico

O discurso de Cesáreo Sánchez tamén tivo varios puntos reivindicativos. O primeiro deles, para pedir aos grupos políticos que sexa feita unha declaración institucional no Parlamento galego do 23 de febreiro, como o Día de Rosalía de Castro

O segundo, como empeza a ser xa tradición para exixir que o Panteón de Galegos Ilustres sexa un lugar “laico, de aceso público e de propiedade pública”. “Unha terra que quere ser dona do seu futuro debe ter o aceso aos lugares onde moran seus referentes, os seus símbolos nacionais”, asegurou o presidente da asociación.

“Non seríamos merecentes dela e da súa obra se permitísemos que Bonaval, deveña nun frío cárcere que é aberto de cando en vez, para ela ou para Castelao, que puxo no horizonte desta terra a estrela que Rosalía levaba na fronte”, concluíu.

Comentarios