O Festival de Teatro de Carballo outorga á escritora Ana Romaní o premio 'xograresa de outono'

A organización destaca o papel de Romaní como “insansábel defensora da cultura galega”
Ana Romaní é unha das autoras seleccionadas na mostra.
photo_camera Ana Romaní é unha das finalistas galegas.

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) outorgou na edición deste ano o premio 'xograresa de outono' á escritora e xornalista Ana Romaní, segundo informa a organización do certame.

Nesta ocasión, decidiuse conceder o premio a Romaní polo “seu labor inestimábel na promoción da cultura, a radio e o teatro galegos, impulsando formatos propios e mostrando un forte compromiso social".

"Ana Romaní é unha muller de teatro, incansábel defensora da cultura galega e do galego, e que acredita unha extensa e recoñecida traxectoria que a levou a alzarse, entre moitos outros galardóns, co Premio Nacional de Xornalismo Cultural en 2018", lembra a organización.

Con este galardón, o FIOT abre o espectro do premio a novos sectores como o da comunicación, "pondo en valor a súa relevancia e necesario labor para o coñecemento e a consolidación das artes escénicas".

Referencia no país

O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) é un festival que ofrece un programa comprometido coas artes escénicas e cos proxectos “de máis prestixio do teatro actual”. Está organizado pola Asociación Cultural Telón e Aparte e conta coa colaboración do Concello de Carballo.

Pola súa traxectoria, a calidade da programación, a variedade das propostas de intermediación cultural que ofrece e a súa proxección, o FIOT sitúase como un dos festivais máis importantes da Galiza e referente cultural durante o outono: un mes enteiro de programación, con máis de 35 espectáculos e ducias de actividades paralelas, converten a Carballo “na capital das artes escénicas do país”.

Desde hai xa 31 anos, o FIOT amosa en Carballo o traballo de compañías de referencia e de creadores emerxentes. Pero, sobre todo, segundo afirman desde a organización, o festival procura atraer novos públicos ao teatro. Así, fiel á súa vocacióno FIOT convida aos espectadores e ás espectadoras “a gozar, desde as súas butacas, e ser cómplices dos creadores cunha visión activa e crítica, comprometida e comprensiva, imaxinativa e divertida”.

Comentarios