A 7ª edición do Certame Metro Cadrado do FIOT de Carballo xa ten finalistas

O concurso pioneiro na Galiza para proxectos escénicos de pequeno formato, promovido polo Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, recibiu un total de 28 propostas.
'O que é o raio, nin maldita idea', de Souvenir.
photo_camera 'O que é o raio, nin maldita idea', de Souvenir.

A sétima edición do Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado xa ten propostas finalistas. Un xurado conformado por profesionais vinculados ao mundo das artes escénicas vén de seleccionar as seis obras que farán parte da programación do concurso, posto en marcha polo Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT. Trátase do primeiro certame de microteatro realizado en territorio galego e pioneiro á hora de visualizar e apoiar a creación escénica de novos formatos e de compañías ou creadoras emerxentes. 

Canta nai, canta, de Cía IO; Ninguén tira fotos nos enterros, de Carlota Mosquera Rodríguez; DestilaPracer, de Espazo Vacío; O que é o raio, nin maldita idea, de Souvenir; Anaké?!Edipo en 15 minutos, de Contraditoria Compañía; O mundo derrúbase e nós tomamos chocolate, de Mar Fiuza, son as pezas que formarán parte da sétima edición do Metro Cadrado unha das liñas de programación máis singulares e queridas polo público. 

As representacións terán lugar, no mes de outubro, nunha tenda especializada en produtos gourmet e venda de viños; nun cuarto dunha pensión, nunha pista de skate, nunha tenda-fábrica de chocolate artesanal; nun taller de olería e nunha sala comnún dun balneario.
Para seleccionar as propostas finalistas, o xurado valorou a adecuación e a interacción cos espazos ofertados e a autoría propia, ademais do uso innovador de cultura dixital e a tecnoloxía. As creacións seleccionadas recibirán unha compensación económica de 450 euros e optarán aos galardóns, outorgados polo público, de Mellor Espectáculo (150 euros) e Mellor Interpretación (150 euros). 
 

 

Certame pioneiro

O Micro-Escenas Metro Cadrado naceu ao abeiro do FIOT a pasada década como unha proposta específica de apoio á creación escénica de novos formatos e de compañías ou creadoras e creadores emerxentes. As e os artistas son quen de xerar, no marco dun gran festival, novas experiencias teatrais, de pequeno formato, en contextos non habituais para a representación escénica, que contextualizan e serven de escenografía natural da obra, nos que un número moi limitado de asistentes se sitúa a curta distancia dos intérpretes. Así, á vez que difunde e visualiza o traballo das creadoras, Metro Cadrado ofrece ao público da comarca unha nova experiencia escénica, diferente ás habituais nos recintos: sen barreiras, sen artificios, de proximidade, posibilitando a captación de novos públicos e implicando á veciñanza en proxectos escénicos. 

Comentarios