O festival Novos Cinemas de Pontevedra xa ten gañadores

'Happer's Comet', de Tyler Taormina, gaña o Premio á Mellor Longametraxe e o Premio do Xurado da crítica.
Un fotograma de 'Happer's Comet' de Tyler Taormina, a pelicula triunfadora en Novos Cinemas.
photo_camera Un fotograma de 'Happer's Comet' de Tyler Taormina, a pelicula triunfadora en Novos Cinemas.

O Xurado Internacional da edición 07 do festival Novos Cinemas, formado por Julián Génisson, Elena Oroz e Darío Oliveira, escolleu dar o Premio Novos Cinemas á Mellor Longametraxe da Sección Oficial ao filme Happer's Comet de Tyler Taormina “pola súa precisa e poética inmersión na cotiandade durante un tempo único marcado polo illamento e a incerteza. A través dun sobresaliente traballo coa temporalidade, os contrastes lumínicos e sonoros e o tránsito do público ao íntimo, a película ofrece unha experiencia hipnótica marcada polo estrañamento, como nunha noite de insomnio na que todos os sentidos se agudizan”. 

O Xurado Latexos da edición 07 de Novos Cinemas, formado por Albert Triviño, Miguel Ángel Alfonso, Eva Seoane, Manuel Asín e Iria Silvosa,  escolleu dar o Premio Novos Cinemas á Mellor Longametraxe da Sección Latexos ao filme Misión a Marte, de Amat Valmajor, “pola súa proposta innovadora, na que consegue trasladarnos da historia familiar máis pura e natural á ciencia ficción máis vándala. Por conseguir sacar adiante un branco e negro en 16mm, no que o gran xoga coa imaxe e por transmitirnos a falta de medo da infancia para levarnos ao surrealismo máis libre e puro”. 

O Xurado da Crítica da Edición 07 de Novos Cinemas, formado por Raquel Loredo, Blanca Martínez e Yago Paris, despois do visionado dos filmes a concurso das seccións Latexos e Oficial escolleu dar o Premio do Xurado da Crítica a Happer's Comet de Tyler Taormina “pola súa aposta radical pola narración visual, a meticulosa contención na súa posta en escena e a tensión transformadora de todo o cotián en misterio”. 

 

O Xurado Novo da Edición 07 de Novos Cinemas, formado por Susana Alba Alonso, Yuri Salgado Álvarez, David Arosa Cerqueiro, Martín Arufe Castro, Iris Rodríguez Justo, despois do visionado dos filmes a concurso e a deliberación decidiu outorgar o Premio Xurado Novo á Mellor Dirección da Sección Oficial a: Sorayos Prapapan, por Arnold is a Model Student “por poñer a ironía ao servizo da mensaxe, por ser unha película na que todo suma, onde as personaxes corais son as que marcan o cambio e pola integración de varios formatos de xeito sorprendente e orgánico. O xurado valora positivamente que a trama, sendo local se volva universal, e tamén que transcorra nunha escola porque os cambios sempre parten dende a base”

O Xurado Novo outorgou tamén unha mención especial, por votación democrática, a Leonardo Mouramateus, por A vida são dois dias, “pola riqueza da súa estutura, que propón unha historia dentro dunha historia, e pola súa dirección de actores, arriscada, fresca e versátil”. 

O Premio do Público, que escolle o público do festival a través das súas votacións despois do visionado dos filmes foi para A vida são dois dias, de Leonardo Mouramateus. 

 

Comentarios