O festival Novos Cinemas, que terá lugar na cidade de Pontevedra entre os próximos 13 e 18 de decembro vén de anunciar os primeiros contidos da programación deste ano.
Destaca a presenza da cineasta, guionista e produtora Susana Nobre, que será a protagonista da sección FOCO. Trátase dunha figura de primeira liña no panorama do cinema portugués contemporáneo. Autora de de tres curtametraxes e cinco longametraxes cunha relevante recepción no circuíto de festivais internacionais, a realizadora compartirá ca súa concepción do cinema e protagonizará un encontro aberto no que falará da evolución da súa obra e amosará imaxes inéditas da súa última longametraxe, Cidade Rabat.
Así, Novos Cinemas presentará o primeiro monográfico dedicado á obra da cineasta lisboeta, no que se poderán ver varios dos seus filmes como O que pode um rosto (2003), Lisboa-Província (2010), Provas, Exorcismos (2015) ou No Táxi do Jack (2021).
Apertura e feche
Ademais, xa se coñecen os protagonistas das proxeccións de apertura e de feche do festival.
O cineasta aragonés Raúl Capdevila inaugurará a edición deste ano, o 13 de decembro, estreando na Galiza a súa primeira longametraxe, Los saldos (2022), un documental de produción galega estreado no prestixioso certame helvético Visions du Réel, no que colisionan os conceptos de granxa e macro-matadoiro.
No filme, José Ramón Capdevila, o último de tres xeracións de labregos e gandeiros, recibe a noticia de que o seu fillo Raúl vai volver á casa despois de non atopar traballo na cidade. Coa esperanza de encontrar algo mellor, volven traballar xuntos na granxa, ao tempo que se anuncia o desembarco do "Grupo Pini", importante empresa do sector cárnico que quere construír un enorme macro-matadoiro.
O arxentino Santiago Fillol collerá a testemuña e pechará o certame, o domingo 18 de decembro, con Matadero (2022), unha obra sobre a loita de clases durante a rodaxe dun documental na Pampa no 1974.
O filme conta a historia dun cineasta estadounidense que chega á pampa arxentina para rodar Matadero, unha fábula fundacional sobre a loita de clases entre un grupo de traballadores asasinados polos seus xefes. Sitúase en 1974 e a violenta persecución da esquerda vén de empezar na Arxentina mentres os actores máis novos da rodaxe están a piques de saltar á militancia clandestina.