O festival Novos Cinemas leva a Pontevedra nove filmes inéditos no país

O festival Novos Cinemas inaugurou esta terza feira no Teatro Principal de Pontevedra a súa sétima edición, un festival baseado no descubrimento e na promoción de artistas que inician a súa carreira no ámbito cinematográfico.
Ana Belén Fernández, Jacobo Sutil, Vitoria Alonso, Miguel Anxo Fernández Lores e Carme da Silva, onte na inauguración (Foto: Nós Diario).
photo_camera Ana Belén Fernández, Jacobo Sutil, Vitoria Alonso, Miguel Anxo Fernández Lores e Carme da Silva, onte na inauguración (Foto: Nós Diario).

A cidade de Pontevedra acolle esta semana a sétima edición do Festival Novos Cinemas, un encontro cuxa base é a detección do talento emerxente: a promoción das primeiras e segundas longametraxes de cineastas, sen distinción xenérica. Con esta premisa, a Asociación Cultural Novos Cinemas e a produtora Matriuska organizan unha serie de actividades que buscan integrar o cinema na cidade. 

En conversa con Nós Diario Suso Novás, da dirección do festival, indica que "intentamos amosar que o cinema non é só unha exhibición, senón que, accedendo a quen fai esas películas, vendo como traballan, que profesionais e público poidan interactuar xuntos, a cidade entenda que é o cinema realmente". Para eles, di, "o máis importante é que o cinema únenos, fai comunidade na cidade". 

Como todas as edicións, a 7 comezou coa proxección das pezas do obradoiro que o festival leva en colaboración coa Universidade de Vigo e continuou coa apertura oficial do festival estreando na Galiza a primeira película de Raúl Capdevila Los saldos (2022). O seu produtor, Andrés Sanjurjo, quen xa participara como director do festival a través do LAB (laboratorio de desenvolvemento de proxectos que intenta asesorar e titorizar proxectos de cineastas emerxentes) declara a Nós Diario que "o Novos Cinemas é un festival que aposta por novas miradas, que arrisca, algo que non é nada habitual". Tanto para o produtor como para o director, Raúl Capdevilla, "é unha alegría inmensa estrear a película na Galiza e que sexa inaugurando un festival ao que lle temos un agarimo especial".

Los saldos é un filme que relata desde a experiencia persoal do director como as grandes industrias están a modificar todas as relacións económicas e de poder no sector agroalimentario do rural galego.

A Sección Oficial da sétima edición do festival acolle este ano nove longametraxes inéditas na Galiza (seis delas, nunca vistas tampouco no Estado español). "Os filmes son extremadamente diversos porque o que se busca é facer unha panorámica de como está o cinema actual", sinala Suso Novás. 

Así, esta semana estrearanse filmes de cineastas como Sorayos Prapapan, Miryam Charles, Agustina Pérez Rial ou Tyler Taormina.

A Sección Latexos acollerá as últimas creacións de Malena Solarz, Carlos Pardo Ros, Ione Atenea e Amat Vallmajor del Pozo. Porén, aínda que as longametraxes destes cineastas non participen na Sección Oficial, desde a dirección destacan a súa excepcionalidade e insisten en que "están noutra sección porque son de produción máis modesta, o que non quere dicir que sexan películas que teñan menos calidade". 

A programación complétase cunha infinidade de actividades paralelas e complementarias ás proxeccións, como son o propio LAB, formación para crianzas, encontros entre cineastas e estudantes do bacharelato artístico na Sección AULA, etc.

Pontevedra, talento emerxente

"Pontevedra ten unha idiosincrasia moi determinada que aposta polo talento emerxente", di Novás. Destacan así na cidade iniciativas como o Seminario Permanente de Jazz, O Garaxe Hermético de banda deseñada, a formación en restauración que ofrece o Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza ou o local de música que depende do Departamento de Xuventude do Concello. Igualmente, a propia área de Dinamización Cultural do Concello participa do festival desde a primeira edición.

"O Festival Novos Valores, ademais de ser un referente na Galiza, é unha parte fundamental do modelo de cidade que promove a cultura e os talentos emerxentes " afirma a responsable da área, a concelleira Carme da Silva. "Intentamos colocarnos nesa área de influencia complementando a aposta e a proposta cultural da cidade, traballando en paralelo con outros compañeiros e compañeiras dos festivais galegos" indican desde a dirección do Novos Cinemas. 

Comentarios