Obituario

Día de loito nunha Galiza que despide a gran valedora do seu folclore musical, Dorothé Schubarth

Schubarth, autora canda Antón Santamarina do 'Cancioneiro popular galego', finou o pasado 6 de setembro en Basilea aos 80 anos de idade.
Dorothé Schubarth. (Foto: Dorothé na Vila).
photo_camera Dorothé Schubarth. (Foto: Dorothé na Vila).

A etnomusicóloga suíza Dorothé Schubarth, figura chave na recuperación e difusión do folclore musical da Galiza ao longo do pasado século e coautora do Cancioneiro popular galego, faleceu esta cuarta feira, 6 de setembro, nun hospital de Basilea aos 80 anos de idade. A noticia avanzouna a través das redes, contra as 11.30 horas desta mesma mañá, o Museo do Pobo Galego, entidade que a nomeou Patroa de Honra en 2017 en sinal de agradecemento polo seu "traballo e interese pola nosa maneira de cantar". "Seguro que as melodías das nosas cantareiras acompañarana nesta viaxe cara a outras músicas", engadiron.

Schubarth centrou os seus estudos desde os inicios na investigación da música popular europea e, co paso do tempo, máis concretamente a galega. Percorreu o país da man de Antón Santamarina, catedrático de Filoloxía Románica da USC e membro da Real Academia Galega (RAG), co obxectivo de gravar os nosos cantares tradicionais. Un extenso traballo que culminou en 1984 coa publicación, por medio da Fundación Barrié, do seu Cancioneiro, considerado o máis amplo repertorio da música galega de tradición oral. Todas esas cintas poden consultarse hoxe libremente no Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do Museo do Pobo Galego.

O Cancioneiro popular galego, "a nosa Biblia"

A cultura galega está de loito e numerosas entidades do sector quixeron despedir esta sexta feira, entre infinidade de agradecementos,  quen probabelmente foi a gran valedora da súa música tradicional. Ou, cando menos, a máis internacional. "O Cancioneiro popular galego é a Biblia do noso folclore musical, chave na súa preservación e tamén na súa revitalización", salientaron desde a RAG. "A súa empatía, tamén recoñecible no uso que ela mesma fai da nosa lingua e que aínda mantén, permítelle un intenso traballo de recolleita que abrangue 38 zonas xeográficas galegas e limítrofes", engadiu o Consello da Cultura Galega, a respecto da súa obra máis recoñecida.

Desde a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Antonio Reigosa presentou Schubarth como unha "muller humilde e sabia" que "merece ser recoñecida de aquí en adiante polas institucións culturais galegas como Mestra da Memoria, como fixo a sección de literatura oral da AELG en 2019", pois o seu traballo, dixo, "resulta fundamental para a difusión universal da nosa música popular e do noso cancioneiro tradicional".

Schubarth foi a primeira en dar protagonismo —e pór nome— ás informantes, sacándoas do anonimato ao que estaban acostumadas

Na súa longa viaxe, destacou por afondar nas raíces do cancioneiro da Galiza outorgando no seu traballo un especial protagonismo ás informantes, póndolles voz e nome e sacándoas do anonimato. Schubarth, a diferenza de quen a precederon no tempo con obras semellantes, non se limitou a facer "compilacións de cantigas" e "ficar na superficie", senón que "levou a cabo unha análise en profundidade das melodías, achegando unha proposta crítica de clasificación e propoñendo teorías sobre as orixes dos diferentes tipos", lembraron desde a Asociación de Gaiteiros Galegos. "Grazas ao seu traballo conservamos moitas letras e testemuños da nosa música tradicional", agregaron desde a Mesa pola Normalización.

Dorothé Schubarth, unha muller moi querida na Galiza polas súas achegas no panorama da música popular, protagonizou en 2016 o primeiro Día das Galegas nas Letras e recibiu numerosas distincións. O documental Dorothé na vila (2020), de Alejandro Gándara e Olaia Tubío, segue a fondo as súas pegadas.

Comentarios