Escena Galega outorga os seus primeiros galardóns

A entidade sectorial brinda recoñecemento nesta primeira edición á traxectoria de Sarabela Teatro, Fefa Noia, a Asociación Circonove, Gustavo Docampo, Jose Ángel Vieitez Cendón “Perello”, o Certame Manuel María de Textos Teatrais e ao Pazo da Cultura de Narón
Unha escena de 'A lingua das bolboretas', de Sarabela Teatro,  nova Socia de Honra da Asociación.
photo_camera Unha escena de 'A lingua das bolboretas', de Sarabela Teatro, nova Socia de Honra da Asociación.

Escena Galega, a Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas promove a primeira edición do seu novo galardón, os Recoñecementos Escena Galega das Artes Escénicas, un evento non competitivo que quere pór en valor a contribución de compañías, entidades e outras profesionais á escena galega Con esta actividade, a entidade brinda recoñecemento sectorial a profesionais, entidades, instalacións e persoal técnico vencellados ás artes escénicas galegas. 

Entre as axentes recoñecidas nesta edición, destaca a distinción á compañía Sarabela Teatro como nova socia de Honra da Asociación. 

A Asociación Circonove recibirá unha mención especial como iniciativa que impulsou o movemento do circo no País. 

Gustavo Docampo (ex-técnico de cultura, xubilado, do Concello do Barco de Valdeorras) e Jose Ángel Vieitez Cendón, “Perello” (da empresa técnica Kachet), recibirán igualmente aclamación á súa traxectoria por “Toda unha vida a sachar”. 

Tamén haberá unha mención especial á “Embaixadora das artes escénicas galegas no exterior”, Fefa Noia, e outra máis ao “Espazo onde non che dan as chaves e marchan”, para o Pazo da Cultura de Narón. 

A cerimonia de entrega de galardóns terá lugar hoxe, ás 20.30 horas na Sala Ártika de Vigo, afondando na vontade da asociación de deslocalizar a súa actividade da área da Coruña, onde ten a sede.

A comisión seleccionadora

A comisión-xurado encargada de seleccionar ás persoas e iniciativas galardoadas estivo composta por Santiago Cortegoso (presidente), Patricia de Lorenzo González (vicepresidenta) e Diego Vázquez Meizoso (xerente), en calidade de secretario -con voz pero sen voto. 

Tamén se convidou a outras persoas alleas á entidade co obxectivo de asegurar unha maior imparcialidade e diversidade nos criterios. Cecilia Carballido Couceiro (produtora e xestora independente), Borja Fernández Rodríguez (actor e creador escénico) e Miguel López Soto (director da empresa RTA-Recursos Técnicos Artísticos) foron as persoas encargadas de achegar unha visión externa na selección de persoas e iniciativas que recibirán os galardóns, optando por premiar proxectos e traxectorias atendendo ao equilibrio territorial. 

Comentarios