A Panadaría denuncia insultos vexatorios nunha función de 'As que limpan': "¡Limpia, puta!"

A obra foi a gran vencedora nos Premios María Casares con catro galardóns e as actrices levárona a Gran Canaria, onde alumnado de instituto proferiu diferentes insultos.
Representación de 'As que limpan' en Gran Canaria. (Foto: A Panadaría)
photo_camera Representación de 'As que limpan' en Gran Canaria. (Foto: A Panadaría)

A compañía de teatro galega A Panadaría vén de denunciar insultos vexatorios de adolescentes nunha función de 'As que limpan' no Espal, un festival solidario que se celebra en Santa Lucía de Tirajana, na illa de Gran Canaria, cunha función para 600 estudantes de diferentes institutos.

Na súa páxina de Facebook, A Panadaría explica que ao comezo da función comezaron a escoitar berros e "un ruído ensordecedor a todo volume" que, afirma a compañía, "nada tiña que ver cos murmurios e risas de calquera outra función escolar" que fixesen con anterioridade.

Nese momento, entre os berros escoitan a voz dun mozo que grita "¡Limpia, puta!". A partir de aí, censuran, foron 90 minutos de "asubíos, insultos, apupos, comentarios sexuais, grupos entrando e saíndo do teatro, risas burlescas e ameazas". Ademais, durante toda a obra aseguran que se repetían os berros de "¡putas, putas!".

"Que cedo aprenden os homes a insultarnos con ese 'puta'. O peor insulto, o máis humillante, o que non ten equivalente en masculino (ou si? Ai, si, fillo de puta). E din puta e tratan de humillarnos, coma se o noso corpo non fose noso, coma se a nosa dignidade dependese de que fagamos ou non con el o que nos pete", denuncian as actrices.

Ao renate da función, Ailén, unha das actrices, sinalou que "puta non é un insulto", mentres que o que si que é un insulto é "ser puteiro". "A resposta?", cuestionan, "máis berros".

"E si, se ladran, se ouvean, se ensinan os dentes é porque pensan que se teñen que defender. Pensan que non merecemos ter voz, nin espazo, porque o mundo é deles e nós (putas, chachas) estamos ao seu servizo", lamentan.

Para concluír o comunicado, a compañía agradece ao alumnado do Espal que "non foron 'manada'", así como á organización por "tentar achegar un espectáculo feminista como 'As que limpan' aos máis novos". "Seguimos adiante, o mundo vai ser feminista porque non imos parar", resolven.

Comentarios