Empresas e xestoras culturais piden que as administracións paguen en prazo

Alertan de que os atrasos poñen en perigo a estabilidade das empresas culturais.
Carlos Lorenzo, presidente da AGPXC,
photo_camera Carlos Lorenzo, presidente da AGPXC. (Foto: Lestonnac)

A Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) e a Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), que representan máis de 160 axentes culturais e 44 empresas do país, fixeron público esta cuarta feira un comunicado no que denuncian o incumprimento por parte das administracións galegas dos períodos fixados por lei para o pagamento das facturas e subvencións públicas. 

O escrito revela que moitas das contratacións realizadas no terceiro e cuarto trimestre de 2023 aínda non se pagaron, provocando que as empresas teñan que recorrer a préstamos para cumprir coas súas obrigas coa Seguridade Social, coa Axencia Tributaria Galega e coa Axencia Tributaria do Estado. AGXPC e AGEM lembran que son as propias administracións as que esixen estar ao día con estes organismos para non quedar fóra de futuros contratos. 

Formación específica

"En algún caso temos facturas sen pagar mesmo do Entroido de 2023", explica Carlos Lorenzo, presidente da AGXPC, a Nós Diario. "E hai que ter en conta que, normalmente, as empresas do sector da cultura son de pequeno ou mediano tamaño, que deben pagar ao seu persoal e aos seus provedores e que non teñen estrutura para facer fronte a estes impagos durante moito tempo. A impuntualidade nos pagos foi unha pexa que se corrixiu hai uns anos, mais nos últimos tempos estamos comprobando que volve existir unha laxitude preocupante que afecta o traballo". 

O comunicado tamén pon de manifesto que se fai "cada vez máis necesaria unha formación específica para as contratacións do sector cultural do persoal administrativo e de intervención das administracións públicas".

E pon o exemplo de alguén que "presenta unha idea innovadora ou singular que ten rexistrada e a administración receptora pretende sacar a concurso público esa idea para que calquera que o desexe poida executala. Resulta curioso que se incentive a innovación en todos os sectores e que no cultural non haxa ningún tipo de amparo legal para eses proxectos innovadores por falta desa formación". 

Comentarios