A xestión cultural busca modelos sustentábeis

Unha web   impulsada pola Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC), recolle reflexións, retos, recursos e iniciativas inspiradoras no traballo cultural
Xornadas profesionais convocadas pola AGPXC no castelo de Soutomaior o pasado 2 de marzo.
photo_camera Xornadas profesionais convocadas pola AGPXC no castelo de Soutomaior o pasado 2 de marzo.

Un espazo para recoller e compartir reflexións, recursos e prácticas inspiradoras, co obxectivo de camiñar cara a uns modelos máis sustentábeis de traballo na xestión cultural. Así se presenta a web coidardenos.xestoresculturais.gal na que todas as persoas que traballan na cultura atoparán unha análise de retos no sector, ferramentas e proxectos de referencia.

Esta páxina, aberta á participación de iniciativas de impacto na mellora das condicións profesionais, forma parte do proxecto "Coidar de nós, para coidar da cultura" que, desde finais do pasado ano, desenvolve a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) en colaboración coa Federación Estatal de Asociaciones de Profesionales de la Gestión Cultural e co apoio do Ministerio de Cultura e Deporte.

 

Proxecto colectivo 

Co proxecto "Coidar de nós, para coidar da cultura", a AGPXC quixo ir máis aló da diagnose e abrir un proceso colectivo na busca de solucións, prácticas e modelos inspiradores para afrontar o reto de acadar modelos máis sustentábeis de traballo. O que sen dúbida tamén incidirá na calidade e impacto dos propios proxectos para os seus destinatarios finais. O proxecto inspírase no marco da Axenda 2030 da ONU e dos seus Obxectivos de Desenvolvemento Sustentábel, poñendo o foco en dous deles o número 8, traballo decente, e o número 3,  saúde e benestar. 

Entre outros recursos, na web poderanse atopar publicacións sobre a situación profesional no ámbito da cultura, políticas culturais de diferentes administracións que están a incidir na mellora das condicións laborais do sector, iniciativas colectivas activadas por asociacións profesionais e colectivos vinculados ao traballo cultural, e recursos profesionais como guías, manuais e ferramentas formativas.    

Comentarios