Editan traducida “A revolución galega de 1846”, de Tettamancy

A Deputación da Coruña publica a tradución ao galego da obra de Francisco Tettamancy Gastón que recolle a crónica da rebelión galega contra o presidente Narváez.
Tettamancy, segundo pola dereita, na redacción da "Revista Gallega" (Foto: Arquivo Carré).
photo_camera Tettamancy, segundo pola dereita, na redacción da "Revista Gallega" (Foto: Arquivo Carré).

A Deputación da Coruña anunciou esta terza feira, data do 176 aniversario do fusilamento dos coñecidos como Mártires de Carral, a presentación, nas vindeiras semanas, da tradución ao galego de "La revolución gallega 1846", cumio da produción bibliográfica de Francisco Tettamancy Gastón.

O orixinal, publicado en 1908 pola libraría rexional de E. Carré, recolle un labor de investigación de décadas e supón a crónica máis exacta da rebelión galega contra o presidente Narváez, que rematou coa execución dos militares sublevados e co cárcere e exilio de máis de 2.000 galegas e galegos. 

A tradución contará cun prólogo de Xosé Ramón Ermida Meilán e permitirá achegarse á obra de referencia sobre o abril galego.

Un texto cuxas pegadas están presentes na totalidade das investigacións posteriores e que conta cun amplo apéndice documental, as teses centrais do cal manteñen plena vixencia. 

Demanda de que o monumento sexa BIC

A Deputación puxo en marcha en 2021 un programa de actividades arredor da figura de Tettamancy. "Desde o departamento provincial de Normalización Lingüística da Deputación", sinala a deputada María Muíño, "queremos salientar tamén o papel fundamental que xogou Tettamancy na inauguración na vila de Carral, en 1904, do monumento aos Mártires".

Muíño lembra tamén a actual reivindicación para que o monumento, obra do arquitecto Juan Álvarez, sexa declarado Ben de Interese Cultural (BIC), a través dunha iniciativa rexistrada pola deputada do BNG, Mercedes Queixas, no Parlamento galego.

Normalización Lingüística tamén lembrará este ano a Antolín Faraldo, un dos líderes do pronunciamento de 1846, de cuxo nacemento se conmemora o segundo centenario.

Comentarios