176 aniversario

O martirio útil da xeración de Carral

A derrota militar da revolución galega de 1846 abriu o camiño a unha sistemática represión dos seus principais dirixentes e das persoas implicadas no levantamento. Centos deles foron desterrados durante anos ás colonias españolas de ultramar, outros obrigados exiliarse en Portugal e 13 fusilados entre Carral e Betanzos.
Miguel Solís Cuetos, comandante en xefe do Exército Liberador Galego fusilado o 26 de abril de 1846 en Carral. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Miguel Solís Cuetos, comandante en xefe do Exército Liberador Galego fusilado o 26 de abril de 1846 en Carral. (Foto: Nós Diario)

O 26 de abril de 1846 foron fusilados na vila coruñesa de Carral doce mandos militares que formaban parte do Exército Liberador Galego no movemento revolucionario daquel ano. A nómina estaba encabezada polo comandante Miguel Solís Cuetos e da mesma facían parte Victor Velasco, Manuel Ferrer, Jacinto Dabán, Fermín Mariné, Ramón Lloréns, Juan Sánchez, Ignacio de la Infanta, Santiago Lallave, Francisco Márquez, José Martínez e Felipe Valero. Oitos días máis tarde correu igual sorte en Betanzos Antonio Samitier.

A causa militar aberta contra eles, recollida por Francisco Tettamancy no sé volume Los Mártires de Carral, unha obra que ben pode ser considera como un apéndice de La revolución gallega de 1846, demostra o carácter excepcional da resolución ditada contra Miguel Solis e os seus compañeiros así como a ausencia de calquera garantía no procedemento. A súa lectura non deixa dúbida de que a sentenza estaba escrita antes de comezar co xuízo e nela obsérvase a vontade do capitán xeneral da Galiza, Juan de Villalonga de provocar un escarmento no marco do terror que tenta impor no país.

A maioría da historiografía galega, desde Juan do Porto e Francisco Tettamancy , considera que o fusilamento dos responsábeis da dirección militar do movemento tivo un carácter sumario, prescindiu da totalidade das formalidades legais e respondeu ao temor do capitán xeneral da Galiza, Juan de Villalonga, que o seu procesamento na Coruña, tal e como foi previsto nun inicio, puidese rematar na súa liberación ou provocar unha nova revolta entre a poboación, que apoiara de xeito masivo en toda Galiza a revolución.

Os desterros a Cuba, Porto Rico e Filipinas

Os asasinatos de Carral acadaron a categoría de símbolo porén a represión ao movemento revolucionario foi xeneralizado e afectou a miles de galegos e galegas. A dureza da mesma chegou a sorprender as autoridades civís e eclesiásticas da Galiza da época, comezando polo arcebispo compostelán Vélez, cuxas xestións diante de Villalonga chegaron a evitar unha baño de sangue na capital da Galiza. Segundo escribiu un contemporáneos dos feitos como Juan do Porto, Villalonga tentou fusilar a 1.400 soldados que se renderon con Solís en Compostela, desistindo finalmente pola presión ao Arcebispado de Compostela e das comisións dos Concellos de Coruña e Compostela.

Centos de galegos foron desterrados a Cuba, Porto Rico e Filipinas durante un período de 10 anos pola súa participación no movemento. A este respecto, un Real Decreto, datado en Madrid, o 30 de abril de 1846, estabelecía no seu artigo 3º para os implicados na revolución galega que “a clase de tropa e demais individuos doutras procedencias que se asociaron a eles para secundar a rebelión, serán destinados a servir dez anos, contados desde o día en que perpetraron o seu delito, no punto ou puntos que se lles designe”.

A prensa galega da época deixou testemuño da marcha destes loitadores para o desterro. Así, o xornal ferrolán El Eco del Comercio recolleu, queonte déronse á vela deste porto os buques que conducen o resto dos soldados prisioneiros en Santiago e demais puntos sublevados en abril último (…). Presenciamos escenas que nos entristeceron e encheron de amargura. A desesperación das esposas, os lamentos das tenras criaturas, os queixumes de parentes e estraños”.

O exilio portugués

O exilio a Portugal foi a saída para núcleo de dirección civil do movemento. A este respecto, unha das persoas que máis ten estudado a represión contra a revolución galega de 1846, Francisco Rodríguez, sinala que “moitos dos dirixentes civís da rebelión salvaron a súa vida exiliándose en Portugal, entre eles os membros do Goberno provisional, Antolín Faraldo incluído. Porén, todos nos seguintes dez anos, e Antolín Faraldo moi en especial, foron obxecto de represalias, incertidumes xurídicas sobre o seu futuro, difamación e ameazas”.

A comuna galega no país veciño foi numerosa durante 1846, rematando algúns dirixentes revolucionarios, como Romero Ortíz ou Antolín Faraldo, confinados no penal de Peniche, o mesmo onde 100 máis tarde pasou cativerio o dirixente comunista portugués Alvaro Cunhal. Segundo do Porto, máis de 300 galegos agocháronse no país veciño, dando conta a prensa española e portuguesa da época da chagada permanente de galegos entres os meses de abril e xullo de 1846.

As relacións de exiliados galegos volvéronse habituais nos medios escritos. Así, por exemplo, un informe da Secretaría de Terceira división militar de Porto de 2 de maio de 1846, José Manuel da Costa Atídrade, capitán da terceira división militar de Porto recolle entre os dirixentes revolucionarios galegos estabelecidos no país a  Agustín de Dios, Juan Aniceto San Martín, Pío Rodríguez Terrazo, Juan Ramón Patiño, Joaquín Yáñez Rodríguez, Benito Manuel López, José María Santos, Diego Villar, Manuel Angles y Couto, Francisco García Barros e José Benito Amado Antonio Romero, Antolín Faraldo, Manuel Taboada, Pedro Arango de Saavedra e Julián Díaz.

A revolución non fixo máis que comezar após os duros sucesos de abril de 1846. A mesma significou a impugnación dunha parte do pobo galego ao modelo de Estado unitario imposto polos liberais que viviu un momento de aceleración decisiva na década dos 40 do século XIX, pero, fundamentalmente, representou o fito fundacional dunha nova corrente política na vida galega, na altura denominada provincialismo e hoxe nacionalismo.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios