176 aniversario da revolución galega de 1846

‘Non queremos ser máis que galegos’

Significou a impugnación dunha parte do pobo galego ao modelo de Estado unitario imposto polos liberais que viviu un momento de aceleración decisiva na década dos 40 do século XIX. Expresou a vontade dunha nova xeración galega disposta a mudar o rumbo do país e rematar, nas súas propias palabras, cunha Galiza “convertida nunha verdadeira colonia da corte”. Representou o fito fundacional dunha nova corrente política na vida galega, na altura denominada provincialismo e hoxe nacionalismo. Fai 176 anos, en Lugo, un 2 de abril, comezou a revolución galega
Miguel Solís, Antolín Faraldo (no centro) e Pío Tarrazo.
photo_camera Miguel Solís, Antolín Faraldo e Pío Tarrazo, tres dos máis importnates dirixentes da revolución galega de 1846. (Foto: Nós Diario).

O 2  abril de 1846, o comandante Miguel Solís Cuetos alzouse en Lugo á fronte dun movemento político militar que non tardou en estenderse ao conxunto do país e mantivo o control efectivo durante semanas do territorio galego. Así, ao día seguinte, sumouse Santiago, cun papel de relevo da mocidade universitaria e en xornadas sucesivas  Muros, Noia, A Pobra do Caramiñal, Ortigueira, Ribeira, Rianxo, Vilagarcía, Cangas, Baiona, Padrón, Caldas, Redondela, A Guarda, Tui, Pontevedra ou Vigo.

O alcance da revolución, moi superior na duración e no apoio social a doutros movementos do período na península, obrigou ao Goberno do Estado a enviar inxentes cantidades de tropas a Galiza. Aínda así, as milicias galegas resistiron os embates do exercito español, sendo necesarios varios enfrontamentos armados, non inclinándose a balanza a prol do Executivo de Madrid até a batalla librada en Cacheiras (Teo) o 23 de abril, onde os soldados de Solís pouco puideron facer diante da superioridade militar dos batallóns españois de José de la Concha.

‘Empuñar as armas para defender a liberdade e o país galego’

A necesidade de articular unha nova institucionalidade para proceder ás tarefas de goberno levou aos revolucionarios á constituír o 15 de abril unha Xunta Superior de Goberno da Galiza con sede en Santiago de Compostela. A mesma, estivo presidida por Pío Rodríguez Terrazo, actuando como secretario, Antolín Faraldo, ambos os dous significados representantes do sector protonacionalista. A máxima responsabilidade militar da revolta recaeu en Miguel Solís, quen non dubidou en chamar aos soldados galegos “á empuñar as armas para defender a liberdade e o país galego das  concupiscencias do centralismo”.

Os obxectivos político do movemento  non deixaron lugar a dúbidas. Así, no chamamento da Xunta Superior de Goberno da Galiza, publicado o 17 de abril de 1846, sinalouse que “o pobo conquistará nesta revolución o que lle teñen arrebatado os cómicos dos pronunciamentos: pan e dereitos. Galiza arrastrando até aquí unha existencia oprobiosa, convertida nunha verdadeira colonia da corte, vai a levantarse da súa humillación e abatemento Esta Xunta, amiga sincera do país, consagrarase constantemente a  engrandecer o antigo reino de Galicia, dando proveitosa dirección aos numerosos elementos que atesoura no seu seo, levantando os cimentos dun porvir de gloria.”.

A Xunta Superior do Goberno da Galiza afirmou con claridade a orientación política da revolución. Así, na proclama reproducida no seu órgano oficial de prensa, La Revolución, o 17 de abril afirmou que “espertando o poderoso sentimento do  provincialismo, e encamiñando a un só obxecto todos os talentos e todos os esforzos, chegará a conquistar Galiza toda a influencia de que é merecedora, colocándose no alto lugar  á que está chamado o antigo reino dos Suevos”. Na mesma liña, La Revolución, no seu número de 19 de abril, proclamou que “de nós deben aprender  Polonia, Italia, Irlanda, todas nacións a quen oprime a mao de ferro do despotismo”.

As razóns de Antolín Faraldo

Os testemuños daquelas persoas que coñeceron de primeira man as intencións dos revolucionarios non presentaron diferenzas coa documentación escrita legada por eles. Así, Benito Vicceto, un contemporáneo e colaborador Faraldo sinalou que este “na independencia da Galiza, nesa idea agra e sublimemente patriótica atopaba a súa mente os únicos raios de luz para apostrofar abxección e servidume”. Ao tempo, lembrou que “segundo o señor Faraldo, a rexeneración galaica non podería conseguirse senón pola súa emancipación e ao berro de “non queremos ser máis que galegos”, que  lanzou no periódico compostelán El Porvenir, foi o primeiro talento do territorio que ergueu modernamente a bandeira do rexurdimento nacional da Galiza”

Antolín Faraldo  foi o faro daquela xeración galega que dirixiu a revolución de 1846. Sentiuse parte dun grupo que existía "para anunciar o que podemos ser, tentando dicir o que fomos”, pensou aquel presente galego e impugnouno para transformalo nun futuro de liberdade. Na mellor tradición revolucionaria, reflexionou para a acción, e enfrontado á oportunidade do seu país foi quen de levar o seu pensamento até as últimas consecuencias. Apartado nos últimos anos da súa vida de Galiza, deixou postas as primeiras pedras para que a seguinte xeración  dese continuidade ao que el deu en chamar “a grande obra”.

O historiador Francisco Rodríguez sinalou que “Antolín Faraldo detectou que o Estado que se estaba construíndo reforzaba opresións económicas sobre o pobo galego, anulaba aínda  máis a súa capacidade política  e o privaba de toda memoria e dignidade sobre si mesmo. Foi o primeiro en enuncialo con tal claridade e contundencia”, significando que “non foi nunca só un teórico, senón, desde noviño, un home predisposto á acción e ao compromiso político”. Pola súa banda, Dioniso Pereira e Eliseo Fernández consideraron que “ mesmo podemos situar unha orixe común do nacionalismo e o anarquismo na Galiza na figura de Antolín Faraldo e os seus compañeiros da revista El Porvenir, que son ao tempo iniciadores do provincialismo e precursores do socialismo na Galiza”.

Comentarios