A Deputación da Coruña lembra Tettamancy, autor de 'A revolución galega de 1846'

A institución homenaxeará ao intelectual coruñes coincidindo co 175º aniversario da revolta galeguista de 1846.
Tettamancy, segundo pola dereita, na redacción da "Revista Gallega" (Foto: Arquivo Carré).
photo_camera Tettamancy, segundo pola dereita, na redacción da "Revista Gallega" (Foto: Arquivo Carré).

No 175º aniversario da revolta galeguista de 1846, a Deputación da Coruña anunciou esta cuarta feira que programará unha serie de actividades encamiñadas a poñer en valor a figura de Francisco Tettamancy Gastón (A Coruña, 1854-1921), autor do libro que recolle a revolución galega de 1846. 

Con este motivo a institución realizará unha serie de actividades que comezarán o vindeiro 3 de xaneiro de 2022, no Salón de Plenos da Deputación ás 11 horas, cun acto institucional no que lle farán entrega dun recoñecemento á bisneta de Francisco Tettamancy, Charo Varela. 

Ademais, ao longo do ano, este programa completarase coa edición dun pequeno traballo audiovisual sobre a vida, a obra e o contexto histórico do intelectual coruñés que se acompañará coa organización dun concurso de murais dirixido a alumnado de secundaria da cidade.

Alén diso, publicarase a súa obra orixinal A revolución galega de 1846 traducida ao galego. 

Neste sentido, desde as áreas provinciais de Normalización Lingüística e de Patrimonio, estase a traballar noutra serie de iniciativas dirixidas tanto a público xeral como ao contexto educativo.

Entre elas figura o deseño dunha unidade didáctica para facilitar que o profesorado poida traballar nas aulas a historia galega relacionada coa revolta de 1846.

"Trátase de arroxar un pouco máis de luz sobre un personaxe destacado da nosa historia, que consideramos que non é tan coñecido como debería, así como o legado que nos deixou sobre o tempo que lle tocou vivir", asegurou o deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas na presentación da iniciativa.

Para a deputada de Normalización Lingüística, María Muíño é "importante recuperar, mediante a reedición, documentos de gran valor histórico e poñelos a disposición da cidadanía".

Comentarios