Así será a segunda edición das Residencias Artísticas Mariñán

A área de Cultura da Deputación da Coruña seleccionará oito proxectos: catro do eido da música e outros catro de literatura e pensamento.
Aitana Cuétara e Natividade González na presentación da segunda dición das Residencias Mariñán.
photo_camera Aitana Cuétara e Natividade González na presentación da segunda dición das Residencias Mariñán.

A Deputación da Coruña presentou esta terza feira, 23 de xaneiro, a edición 2024 das Residencias Artísticas Mariñán, coas que volve reforzar as súas liñas de apoio a creadoras e creadores. A presentación tivo lugar na sede provincial e correu a cargo da deputada de Cultura, Natividade González, e a comisaria de música, Aitana Cuétara

"Con esta segunda edición das Residencias, complementamos a aposta por apoiar activamente as creadoras e creadores", salientou González. "Neste caso, reforzamos dous programas centrados non nas pezas ou nos resultados finais, senón nos procesos creativos, nun espazo singular, como é o Pazo de Mariñán, e poñendo a disposición dos participantes todos os medios para desenvolver os seus proxectos con éxito e nas mellores condicións". 

Para Aitana Cuétara, "é moi importante que a administración aposte por acompañar estes procesos e que todos sexamos conscientes do necesario que é para os creadores ter o tempo, ter os recursos económicos e ter a formación para aprobar iso". 

Seleccionaranse un máximo de catro proxectos do ámbito musical e outros catro dos eidos da literatura e do pensamento para desenvolver a súa estadía no Pazo de Mariñán entre o 15 e o 26 de abril. Cada residencia terá unha duración máxima de seis días, no caso das musicais, e de doce, no caso das literarias e de pensamento. 

O programa de música quere promover o desenvolvemento da produción musical galega desde unha ollada contemporánea e consciente; estabelecer un contexto de acompañamento e formación para mellorar a viabilidade e a profesionalización das producións, e crear sinerxías con outras residencias e programacións para fomentar o intercambio de propostas e artistas e mellorar a proxección das producións. Pola súa parte, o programa literario busca fornecer as condicións favorables para intensificar o proceso de creación literaria e o pensamento en contextos de traballo e aprendizaxe comunitarios. 

A residencias inclúen a dotación material necesaria e espazos axeitados no Pazo de Mariñán para o desenvolvemento das propostas; manutención e aloxamento para as e os participantes, e acompañamento e seguimento do proxecto por parte da comisaria e do comisario co fin de facilitar a súa viabilidade.

No caso das estadías de música,  tamén formación específica para a profesionalización e a distribución das propostas, que farán persoas expertas convidadas; visitas e reunións de axentes culturais e programadores e programadoras, para apoiar a continuidade do traballo feito nas estadías dentro dos circuítos musicais; e financiamento das necesidades técnicas da creación: deseño escénico, de luces e de son ou o vestiario.

No caso das estadías de literatura, programarase, ademais, unha xornada con convidados e convidadas do mundo da creación e do pensamento. O xurados estarán presididos pola deputada de Cultura e formarán parte de cada un deles tres persoas expertas de recoñecido prestixio.

Proxectos referentes que naceron en Mariñán

Na primeira edición das residencias de música participaron Berto, Caamaño&Ameixeiras, Mario G. Cortizo e Xacobe Martínez Cuarteto Federal. E, nas de literatura e pensamento, Vanesa Sotelo, Andrés Sanjurjo, Paula Domínguez, Judith Ruso, Esther Carrodeguas, Soraya Lema,  Abraham Pérez e María Marco.

En Mariñán empezaron a desenvolverse traballos coma Quitar o aire, o último disco de  Caamaño&Ameixeiras; o proxecto Cuarteto Federal, encontro entre catro talentos do jazz contemporáneo español: o galego Xacobe Martínez, o andaluz Javier Galiana, o catalán Guillem Arnedo e o canario Kike Perdomo; Só un solo, que lle valeu a Mario G. Cortizo o Premio Martín Códax da música galega 2023; ou Iribarne, texto teatral de Esther Carrodeguas que levou a escena, con grande éxito, o Centro Dramático Nacional. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto entre o 23 de xaneiro e o 23 de febreiro. 

Comentarios