Contracultura

Roberto Abuín: "A convivencia nas residencias crea ligazóns emocionais que estimulan a creación artística"

Roberto Abuín, coordinador de Axóuxere Editora, é o comisario da categoría de Literatura e Pensamento nas primeiras Residencias Artísticas de Mariñán (Bergondo), un proxecto da Deputación da Coruña que busca apoiar os procesos de creación de artistas do país. Nesta primeira edición, participaron Vanesa Martínez Sotelo e Andrés Sanjurjo, na modalidade de Literatura, e Paula Domínguez e Judith Ruso, na de Pensamento. No que respecta á modalidade musical, os grupos seleccionados foron Caamaño&Ameixeiras, Berto, Mario G. Cortizo e Xacobe Martínez Cuarteto Federal.
Roberto Abuín, comisario de Literatura e Pensamento das primeiras residencias artísticas de Mariñán. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Roberto Abuín, comisario de Literatura e Pensamento das primeiras residencias artísticas de Mariñán. (Foto: Nós Diario)

—En que consisten as residencias artísticas de Mariñán?
As Residencias de Mariñán conforman un proxecto promovido pola Área de Cultura da Deputación da Coruña que intenta entender diferentes eidos e niveis da produción cultural. Hai residencias dedicadas á musica e ás artes plásticas e outras, que comisarío eu, de literatura e pensamento. A intención da proposta é pór a disposición das participantes o espazo do Pazo de Mariñán, en Bergondo, que até agora só se usaba para conferencias e congresos. Vimos a necesidade de abrir ese espazo a dinámicas de creación para que un grupo de artistas pase unha tempada nel traballando nos seus proxectos.

—Como se escollen as persoas participantes de cada residencia?
Ofértanse dúas quendas de residencias, unha durante o verán, que acaba de rematar, e outra durante o inverno, no mes de decembro. As persoas candidatas deben indicar en que quenda prefiren participar. Para seleccionar as artistas de cada tempada, facemos unha valoración baseada esencialmente en dúas cuestións principais: a explicación do proxecto e un relato auto-narrativo. Na explicación do proxecto, deben describir de maneira sintética o traballo que farían durante a residencia.

En canto ao relato auto-narrativo, consiste en que a persoa candidata fale de si mesma e explique por que lle interesa participar na residencia. Queremos que as participantes nos conten quen son, por que queren ir á residencia e en que proxecto traballarán durante a súa estancia nela. Aceptamos tamén que nos envíen o currículo ou algún fragmento da súa obra, pero non é o definitivo. Esta forma de selección permite ofrecerlle a posibilidade de participar nas residencias a todas as persoas, teñan un percorrido artístico ou non.

—Acaban de rematar as primeiras residencias deste ano. Como foi a experiencia?
Moi enriquecedora. Tiñamos previsto contar por tempada con oito persoas na área de música e artes plásticas, e outras oito na de literatura e pensamento, pero como este é o primeiro ano que se leva a cabo o proxecto, decidimos comezar cun grupo de catro artistas en cada unha. As persoas participantes quedaron encantadas, pois teñen un espazo propio para traballar, todas as comidas incluídas, uns xardíns preciosos, unha praia perto e diferentes lugares nos que poder estar consigo mesmas ou conversando entre elas.

Esta convivencia crea ligazóns emocionais e intelectuais que enriquecen o traballo e estimulan a creación artística entre as persoas creadoras. Tamén se organizaron conversas e invitamos escritores xa consagrados, desta vez Alfonso Pexegueiro e Marga do Val. A estancia total das participantes foi de 12 días, mais o próximo ano queremos aumentala a un mes.

—Que importancia ten que desde as institucións se fomenten espazos que favorezan a produción artística?
É fundamental. Desde un punto de vista marxista, a superestrutura é tan importante como a infraestrutura, polo que cómpre coidar tamén os elementos simbólicos intelectuais que vertebran a nosa realidade. As institucións deben estar abertas a este fenómeno tan sublime que é o da creación do pensamento e do intelecto.

Jürgen Habermas explica que as institucións forman parte da dinámica do sistema e o sistema é parte da vida constitutiva da sociedade; pero tamén está a parte do mundo da vida que precisa ser soportado polo sistema sen que este o afogue. Necesitamos o ocio para poder soñar, imaxinar e pensar, pois iso é o que forma cidadáns críticos e seres cada vez máis emancipados das gadoupas do poder.

Comentarios