As Residencias Mariñán xuntan Abraham Pérez Esther Carrodeguas, María Marco e Soraya Lema

Desde esta segunda feira, e até o 16 de decembro, están traballando nos seus proxectos dentro das últimas Residencias Artísticas Mariñán de 2022 Esther F. Carrodeguas, María Marco, Soraya Lema e Abraham Pérez.
Abuín, Carrodeguas, Marco, Pérez e Lema no Pazo Mariñán (Foto: Nós Diario).
photo_camera Abuín, Carrodeguas, Marco, Pérez e Lema no Pazo Mariñán (Foto: Nós Diario).

Esther F. Carrodeguas, María Marco, Soraya Lema e Abraham Pérez xa están, desde esta segunda feira, traballando nos seus proxectos dentro das últimas Residencias Artísticas Mariñán de 2022.

Trátase das dedicadas a Literatura e Pensamento comisariadas por Roberto Abuín, que lles permitirá ás catro persoas seleccionadas traballar sobre os seus respectivos proxectos e desenvolver o plan de traballo que presentaron nas súas memorias de selección.

Ao igual que na estadía do mes de xullo, tamén se programan dúas actividades complementarias e abertas ao público en Betanzos. A primeira terá lugar o 9 de decembro na Libraría Biblos e estará encabezada pola escritora Teresa Moure; mentres que a segunda terá lugar o 14 na Fundación CIEC e o escritor convidado será Xesús Fraga.

Convén lembrar que as Residencias Artísticas Mariñán naceron este ano como unha nova iniciativa da área de Cultura da Deputación da Coruña, co obxecto de incrementar a súa liña de apoio á creación, complementando outras iniciativas xa existentes como son as convocatorias de premios, correspondentes a un amplo abano de disciplinas artísticas.

Concretamente no eido da literatura, son cinco as convocatorias: o Premio Torrente Ballester de narrativa, en linguas galega e castelán, o Premio González Garcés de poesía, o Premio Rafael Dieste para textos teatrais, o Premio Manuel Murguía de ensaio, e o Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil.

No mes de xullo xa desenvolveran a súa estadía en Maríñán Andrés Sanjurjo, Vanesa M. Sotelo, na modalidade de Literatura, e Paula Domínguez e Judith Ruso, na de Pensamento.

Agora, e até o vindeiro 16 de decembro, está a ser a quenda de Esther F. Carrodeguas e Soraya Lema Carballo, na modalidade de Literatura, e de Abraham Pérez Fernández e María Marco –en substitución de Xerardo Pereiro Pérez, que renunciou por motivos laborais- na de Pensamento.

Comentarios